Homenaxe AEHC/ Extraterritorial: Pere Portabella
Do 1 de febreiro de 2008 ao 29 de febreiro de 2008
En colaboración coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC).
Logo de proxectar nos últimos anos todas as longametraxes de Pere Portabella, celebramos a homenaxe que a Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) lle destina a un dos seus medallistas, o cineasta e produtor catalán, figura clave da cultura e a cinematografía española contemporánea, Pere Portabella. A presentación da súa última película El silencio antes de Bach (2007) virá acompañada dunha mesa redonda previa sobre a súa obra, na que intervirá el mesmo xunto ao presidente da AEHC, Julio Pérez Perucha, e os historiadores Fernando Redondo e José Manuel Sande.
“Aos que pensamos, quizais pecando de optimismo, que o cinema é algo máis que un simple entretemento (realizado en moitas ocasións co propósito de idiotizar a quen o consume), e que o seu destino se encamiña a interpretar e modular a realidade buscando contribuír ao benestar (ou á felicidade) da xente, non deixa de sorprendernos o cine de Pere Portabella (Figueres, 1929), cuxos diferentes aspectos e vertentes –produtor, director / guionista, axitador, propagandista, ensinante por horas, organizador...- propoñen modelos de intervención práctica e teórica adecuados ao momento político e histórico no que ven a luz e se difunden, destilando ademais un conxunto de procedementos formais que potencian o alcance de tales intervencións. Así, o seu traballo podería agruparse en diversos segmentos (complementarios: episodios dun mesmo discurso estético, cultural e político), cuxa pertinente condensación nos levaría a postular que a “fábrica de cine” Portabella se presenta como un diamantino alambique.
Formado en ámbitos da vangarda plástica (“Dau al Set”) Portabella iniciou en 1959 unha breve pero fulgurante carreira como produtor onde, cómplice necesario dos cineastas responsables (Saura, Ferreri, Buñuel, Esteva, máis tarde Guerin) preconiza o realismo –conxugado baixo modalidades diferentes dun tronco común- como remedio dos males do cine (e da sociedade) española. Inmerso en tan programático e prometedor sendeiro, Portabella iranos ofrecendo unha rebuldeira e distante reflexión sobre unha entón chamada “Escola de Barcelona” (sobre todo a través de dous títulos) e un orixinal e heterodoxo pero contumazmente discontinuo cultivo do documental de arte; e tamén se amosará como arquitecto dun breve, brillante e explosivo grupo de filmes (destaquemos esa peza de convicción do cine español, e occidental, que é “Umbracle”, e a súa posterior reconsideración baixo o título “Pont de Varsòvia”) postos en pé desdeñando e impugnando as normas da Administración franquista –situándose, por tanto, na clandestinidade- e orientados desde un rupturista experimentalismo narrativo oportunamente aplicable tanto a universos ficcionais como, chamémoslle así, documentais. Impulsor aínda de grupos de cine militante e realizador el mesmo dalgunhas da súas propostas máis monumentais (“Informe general...”); profesor, entre 1969 e 1972 nos viveiros vangardistas “Aixelá” e “Institut del Teatre”; animador de debates e asembleas sobre os problemas industriais, culturais e lingüísticos do mundo artístico e cinematográfico; colimador de cruzamentos e mestizaxes político culturais (antifranquistas-revolucionarios-vangardistas); senador (1977-1982) e deputado (1980-1984), tras participar significativamente en organismos unitarios antifranquistas (1966-1977)...a ninguén que lea isto lle sorprenderá saber que a Asociación Española de Historiadores del Cine recibira con alborozo a noticia de que Portabella nos honraba coa aceptación da nosa Medalla de Honor (ás achegas ao desenvolvemento do Cine Español) na súa edición de 2003”.
Agradecementos: Pere Portabella, Julio Pérez Perucha, Fernando Redondo, Helena Gomá, Sherlock Films, Manuel Casas.
Julio Pérez Perucha.