Harry Smith
Do 1 de xullo de 2008 ao 31 de xullo de 2008
Personaxe poliédrico e fascinante, a figura de Harry Smith (1923-1991) vén representar unha das sendas máis estimulantes transitadas polo cine experimental en contacto coa música. Smith preserva a música tradicional americana das décadas dos anos 20 e 30 do século pasado no clásico “Anthology Folk Music” (1952), tres álbumes dobres históricos que impediron a perda deste material e influíron no devir da creación musical posterior, desde Bob Dylan e Joan Baez ata a explosión folk dos 60. Vínculo entre varias escenas musicais, como o folk e o jazz, ponte entre o cine underground e a xeración beat, etnomusicólogo, bohemio, erudito, pintor, coleccionista, lingüísta e tradutor, curador excéntrico, místico e ocultista, considerado á vez fantasma, bruxo e feiticeiro, pero tamén cineasta experimental, Smith pasa por ser unha das grandes e máis descoñecidas figuras artísticas, polo que en afinidade co seminario “Happy together.
Cine e culturas pop” facemos unha retrospectiva dos seus traballos aderezada por unha intepretación musical en directo nunha das sesións, a cargo do músico Miguel Prado.
Agradecementos: The Film Makers´Cooperative (Estados Unidos), MM Serra, In-Edit, Rosa Arredondo, Miguel Prado.