Gothic Films: epifanías de Luís Noronha da Costa
Do 28 de decembro de 2016 ao 20 de xaneiro de 2017
En 2004, coincidindo coa exposición «Noronha da Costa Revisitado», organizada no Centro Cultural de Belém, a Cinemateca Portuguesa revisitou a obra cinematográfica de Luís Noronha da Costa e presentouno coma un artista que realizara unha obra pictórica, escultórica, arquitectónica e cinematográfica, mais tamén coma un autor, en si propio, dunha obra de cinema: e éo mesmo nun sentido metafórico, pois as relacións entre a súa pintura e a súa obra cinematográfica son evidentes. Porén, Noronha da Costa é tamén un cineasta en sentido propio. Nos anos 70, realizou moitas películas, que sempre considerou fundamentais no seu percorrido estético, se ben só unha tivo unha produción menos caseira, e, aínda que nunca se estreou comercialmente, conseguiu certa difusión –O Constructor de Anjos (1978-1979)–. Á revelación de 2004 –o ciclo organizado daquela foi a primeira oportunidade para dar a ver toda a obra cinematográfica que se conserva de Noronha da Costa, depositada pola Fundação Calouste Gulbenkian na Cinemateca en 1995, en 8 mm, súper 8 mm e 16 mm, sendo despois inchada e preservada pola Cinemateca en 16 mm–, séguelle agora esta proposta, a posibilidade de obter unha nova ollada de conxunto sobre estas estrañas películas de Noronha da Costa dos anos 70.
Como escribiu João Bénard da Costa sobre Noronha da Costa, dentro da riqueza dunha declaración propia de Da Vinci, «gustaríame, sempre desde o meu punto de vista, intentar realizar unha tradución: “O que del (do lume) ves, non é o que antes era e xa non é. O que é del, del é, o Corpo, antes de ser chama. No cinema: non serán os Corpos queimados pola imaxe?”. Esta longa cita é a mellor introdución posible ao Constructor de Anjos: Corpos (espazos) queimados pola imaxe. No cinema, a imaxe que vimos antes non foi, e xa non é. E esa imaxe, tan inexistente como a do lume, é o Corpo do cine. Nela, como di o propio Luís Noronha da Costa nesa cita, vemos os soños, soños que o cine “só espellaba cando era asumido como Morte”».
Asociación Lumière