Off Galicia: homenaxe Eloy Lozano
Do 1 de marzo de 2011 ao 31 de marzo de 2011
Cineasta e guionista galego nado en Ourense en 1953 e falecido o pasado 14 de abril de 2010, Eloy Lozano dirixiu –moi novo- a primeira curtametraxe galega en 35 mm., Retorno a Tagen Ata (1974), adaptación do relato homónimo de Xosé Luis Méndez Ferrín. Logo desta peza desenvolve varios traballos de corte documental (Os oleiros, 1975 ou El castaño, 1979), prepara unha versión d’A esmorga de Eduardo Blanco Amor que non chega a concretarse e, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, recupera o documental de Antonio Román El hombre y el carro (1940). A partir dos anos 80, sobre todo coa creación da súa empresa “Eloy Lozano Publicidad”, aplícase en tarefas –que nunca abandonará- en ámbitos ben heteroxéneos dentro do audiovisual, como artista plástico, fotógrafo, videoartista, deseñador ou publicista. Crea e dirixe a primeira edición de OFF (Ourense Film Festival) en 1996 e regresa ao cine, realizando a súa única longametraxe, Bellas durmientes (2001), versión da novela do Premio Nobel xaponés Yasunari Kawabata. As dúas sesións dedicadas a Eloy Lozano no mes de marzo recollen, como tributo, unha selección do máis importante da súa produción.
Agradecementos: María de las Cuevas, Xosé Luis Méndez Ferrín.