François Truffaut / Antoine Doinel
Do 1 de maio de 2011 ao 30 de xuño de 2011
Logo dunha indómita traxectoria como crítico e da dirección de tres curtametraxes, o cineasta francés François Truffaut (1932-1984) realiza a súa exitosa ópera prima Los cuatrocientos golpes (1959). O filme, moi persoal, amargo e con abundantes compoñentes autobiográficos, aproximábase á complexa infancia dun cativo con problemas de adaptación ao seu contorno chamado Antoine Doinel, papel interpretado polo adolescente Jean-Pierre Léaud, logo actor emblemático do seu cine e, por extensión, de relatos de autor esixentes e laboriosos. Truffaut, nunha singular operación, decide volver a radiografar a personaxe percorrendo épocas e itinerarios da súa xuventude: o episodio Antoine et Colette (1962) –onde lanza o personaxe de Colette, interpretado pola recén falecida Marie-France Pissier- do filme El amor a los veinte años; Besos robados (1968) e Domicilio conyugal (1970). Vinte anos de Antoine Doinel (e da sociedade francesa) desenvólvense entre a primeira incursión e a quinta e última, a recapitulación ou mosaico que extrae fragmentos das anteriores El amor en fuga (1979).
No prólogo ao seu libro Les aventures de Antoine Doinel (1970), volume que acolle os guións e notas de traballo dos por entón catro achegamentos a Doinel, Truffaut relata unha anécdota clarividente. Logo dun pase televisivo de Besos robados, entra á mañá seguinte nunha taberna descoñecida. O camareiro, como acontecerá outras veces, mestura no seu maxín cineasta e actor e lle espeta: “Esa película fíxoa hai tempo, non? Era vostede máis novo...”. Ambos os dous autodidactas sensibles, individualistas e impulsivos, bordeando a delincuencia e o naufraxio vital na súa mocidade, a fantasía sen límite e certo carácter entrañable van redimir o seu tránsito á madurez –lugar de chegada finalmente imposible para Léaud-, un conxunto de circunstancias que lle serven a Truffaut nesta serie de títulos para formular unha moi particular relación co ser humano e o seu tempo, mentres exercita un delicioso e agridoce xogo de espellos.