Fóra de serie
Do 1 de decembro de 2005 ao 31 de decembro de 2005
As proxeccións deste mes na sección “Fóra de serie” concentran catro documentais de moi recente produción. “Le filmeur” será presentada en colaboración coa organización do Premi Cinema Assaig, da Universidade Autónoma de Barcelona. As outras tres proxeccións proceden directamente do Festival Internacional de Cine de Gijón: “Punk: Attitude” da sección Desorden y concierto, “Os tres estadios da melancolía”, da retrospectiva adicada a Pirjo Honkasalo, e “El perro negro” de Llendes. Esta última película, un documental sobre a Guerra Civil Española realizado a partir de imaxes de cinema afeccionado dos anos trinta, ten unha especial significación desde o punto de vista do cine galego, ao incluír moitas filmacións desa época de José Ernesto Díaz Noriega, notoria e salientable figura que impulsou o cine en Galicia nos anos sesenta e setenta do século pasado.
Agradecementos: Premi UAB de Cinema Assaig, Festival Internacional de Cine de Gijón, Finnish Film Foundation, Parallel 40, 3DD Entertaiment.