First Cow/Peter Hutton
Do 17 de xuño de 2021 ao 18 de xuño de 2021
Kelly Reichardt ofrece First Cow a Peter Hutton, non só cunha dedicatoria final, senón tamén co primeiro plano da película, como a propia cineasta recoñece. Neste plano, da breve parte contemporánea da historia, vemos un barco entrando devagar en campo pola esquerda do encadre, navegando por un río ou estuario. Malia a película de Reichardt desenvolverse en Oregon, o plano remite de forma moi clara a moitos outros filmados por Peter Hutton nalgúns dos seus filmes, particularmente en Study of a River e Time and Tide, filmados no río Hudson, ao outro lado do país. Esta asociación é a que nos levou a recuperar estas dúas películas, onda unha terceira, Landscape (for Manon), filmada tamén no val do Hudson, para conformar un programa que poña en relación o cine de Hutton con First Cow. Cómpre lembrarmos que as películas de Hutton puideron verse na Filmoteca de Galicia (daquela CGAI) dentro da retrospectiva que se lle dedicou en maio de 2010, realizada en colaboración con Documenta Madrid e comisariada por Carlos Muguiro.