FESTIVAL EUROÁRABE AMAL
Do 1 de novembro de 2012 ao 22 de decembro de 2012
En colaboración coa 10ª edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal.
Co lema “Dez anos dando voz aos que son enmudecidos”, entre o 14 e o 20 de outubro celebrouse a décima edición do Festival Amal (Santiago de Compostela), certame que proxectou desde os seus comezos máis de trescentos títulos producidos ou co-producidos por países árabes. Unha selección de títulos, sobre as máis de trinta longametraxes e curtas de ficción e non ficción que concursaron na edición deste ano, permite ao espectador do CGAI gozar dunha programación singular, que vai do descubrimento da chegada da electricidade a Marrocos á inmigración europea ou o papel das mulleres nas culturas musulmás. Filmes que nos falarán dos países árabes, da súa xente, dos seus costumes e das súas preocupacións, que resaltarán o poder da amizade, do sentido do humor e das conviccións nun mundo no que tomar a palabra recobra o seu sentido orixinal: o de transformar o cine nun acto e nunha reivindicación.