Extraterritorial
Do 1 de abril de 2010 ao 30 de abril de 2010
Finalizamos o ciclo dedicado a Adolfo Arrieta, unha retrospectiva na procura dun autor pouco recoñecido que se foi espaciando na programación do CGAI durante os últimos dous anos, grazas á remontaxe que Arrieta efectuou da súa filmografía completa. Ben encadrado na sección Extraterritorial -nada coa vocación de presentar traballos de corte experimental, propostas fóra tanto de convencións narrativas como de circuítos de exhibición e distribución ao uso, presididas pola quebra coa narración institucionalizada-, Adolfo Arrieta (Madrid, 1942) comeza a súa carreira como pintor, pero pronto e en formato 16 mm., influído por Cocteau, filma as curtametraxes El crimen de la pirindola (1965) e Imitación del ángel (1966). Establecido en Francia, onde a súa obra é ben recibida e conta coa colaboración de actores de prestixio (Jean Marais, Howard Vernon) e produtores independentes, firma obras de culto como Les intrigues de Sylvia Cousky (1974) e Tam-Tam (1975), obtendo difusión internacional a través de circuítos paralelos, ademais de premios en distinguidos festivais. Dono dun cine poético, persoal e de vocación vangardista e formulación clandestina, regresa a España e roda títulos como Merlín (1990) ou Vacanza permanente (2006).
Agradecementos: Adolfo Arrieta, Jos Oliver.