Escola de Berlín
Do 1 de xaneiro de 2011 ao 31 de xaneiro de 2011
Despois dunha etapa de certo estancamento e clara transición, principalmente a década dos 80 coa decadencia ou desaparición de parte do Novo Cine dos 60-70 (morte de Fassbinder, agonía creativa de Wenders, case marxinalidade dos Kluge, Schroeter ou Syberberg, internacionalización apátrida de Herzog), a cinematografía alemá atopa resurrección grazas á aparición de novas figuras. Asistimos a unha nova onda con dous movementos. O primeiro correspóndese á chegada da Academia Alemá de Cine e Televisión (DFFB), creada en 1966, moi politizada e con alumnos como Thomas Arslan, Christian Petzold e Angela Schanelec (e profesores como Harun Farocki e Hartmut Bitomsky), que adquire relevancia desde mediados dos 90. Analistas de conflitos individuais, baseados na depuración, o naturalismo visual, o uso da elipse, o distanciamento emocional e a esencialidade narrativas, o seu bautismo prodúcese a partir de 2001 cando a crítica inaugura o termo “Berliner Schule” (Escola de Berlín). En simultáneo á consagración destes cineastas e co novo século, xorde un novo grupo de autores, un segundo movemento, entre os que destacan directores como Valeska Grisebach, Maria Speth, Ulrich Köhler ou Henner Winkler, moi capaces de realizar meritorias operas primas e de afirmar a súa traxectoria a continuación. Sobrios e insubornables, cohesionados á súa maneira, pasan de películas sobre os desaxustes da adolescencia a unha disección en xeral das desestruturacións da sociedade marcada polo carácter de radiografía do cotián, de percepción das súas mutacións e desprazamentos. Todo isto, con inclusións como a de Maren Ade, sucede mentres nos últimos anos o grupo máis veterano se achega ao relato de xénero para subvertelo de forma sutil. Presentamos un percorrido por un dos fenómenos fílmicos máis suxestivos da cinematografia europea recente, do que o CGAI, en colaboración unha vez máis co Festival Internacional de Cine de Gijón, o Goethe Institut, a Filmoteca de Cantabria e IVAC-La Filmoteca de Valencia, fai unha escolma de títulos.
En colaboración con: 48 FICXixón, Goethe Institut, IVAC-La Filmoteca (Valencia), Filmoteca de Cantabria.

Nachmittag

Schläfer

Jerichow

Klassenfahrt

Ferien

Yella

Nostalgia

Gespenster
