
DocumentaMadrid: João Moreira Salles
Do 22 de maio de 2018 ao 5 de xuño de 2018
Economista de formación, presidente do Instituto Moreira Salles (organización cultural creada polo seu pai Walter Moreira Salles), fundador da revista Piauí, ademais de profesor, guionista, montador e produtor, o cineasta brasileiro João Moreira Salles iniciou a súa carreira cinematográfica en 1985 por mediación do seu irmán, o tamén realizador Walter Salles, que lle pediu axuda nun dos seus proxectos. Dende daquela o seu achegamento ao cine parte sempre dunha preocupación esencial: reinventar as formas, xogar cos puntos de vista para permutalos e perturbalos e revisar os modos de narrar… En definitiva: expandir as posibilidades da linguaxe cinematográfica e a súa capacidade reflexiva.
(...) proxectaranse tres títulos cardinais da súa filmografía. Entreatos (2004), o primeiro deles, mergúllanos nos bastidores da última fase da campaña política que levou á presidencia a Lula da Silva en 2002. Conversas, reunións, momentos íntimos e familiares que dende a pura observación revelan o Lula máis descontraído e bromista, mais tamén o ‘personaxe’ político e actor, perfectamente consciente do poder da imaxe, mentres ofrecen o rexistro privilexiado daquel momento histórico. Santiago (2007), pola súa parte, revélase coma un complexo filme reflexivo que arrinca a partir dunhas imaxes filmadas no pasado polo cineasta co obxectivo de realizar unha película familiar sobre o mordomo da casa da súa infancia. O material acaba por se converter nun apaixonante xogo metadiscursivo sobre a capacidade de representación do cine. Pola súa parte, No Intenso Agora (2017), en tanto que filme-ensaio, parte do descubrimento de imaxes afeccionadas rodadas na China da Revolución Cultural para ofrecer un repaso polo contexto político do 68 en Francia, Checoslovaquia e Brasil, ademais dunha nova reflexión sobre o estatuto das imaxes. (...)
Poderá verse ademais Ultimas conversas (2015), filme póstumo de Eduardo Coutinho que o cineasta terminou de editar tras a súa morte. Considerado por Moreira Salles como unha das súas referencias esenciais, con Coutinho mantivo ademais dunha intensa amizade, unha frutífera relación profesional como produtor. (...)
DocumentaMadrid
Coa colaboración de

No Intenso Agora

Entreatos

Últimas Conversas
