Desencadres/Festival de Sevilla: Dore O.
Do 2 de novembro de 2020 ao 3 de novembro de 2020
Pintora e fotógrafa de formación, Dore O. foi fundadora da Hamburger Filmschau xunto ao seu home e colaborador Werner Nekes, e é unha das pioneiras do cine experimental europeo dos anos sesenta. Aos seus primeiros traballos, imbuídos na psicodelia dos anos sesenta, vaille seguir nos primeiros setenta unha obra insubmisa e rigorosa formalmente: retroproxeccións, sobreimposicións, repetición de fotogramas e arrebatadores planos cámara en man, que semellan ao mesmo tempo froito de impulsos primitivos e dun calculado manexo do encadre e do tempo da imaxe. Poesía visual lúdica e irredenta pola que deixarse arrastrar ata as últimas consecuencias, da éxtase ao terror.
Unha sesión con tres dos seus máis importantes traballos, ata hoxe improxectables debido ao desgaste da cor das copias, agora de volta no seu orixinal esplendor.