DESENCADRES: STAN BRAKHAGE, ROBERT BEAVERS
Do 13 de febreiro de 2015 ao 27 de febreiro de 2015
As sesións de Desencadres deste bimestre presentan sesións dedicadas a habituais do CGAI. Por unha banda, Robert Beavers; polo outro, Stan Brakhage.
En “Escoitando o espazo. Tres filmes de Robert Beavers”, comisariado por Gonzalo de Lucas, en colaboración con Xcentric (CCCB), veremos tres traballos de Beavers: Listening to the Space in my Room (2013); Still Light (1970/2001); Sotiros (1976-78/1996). Beavers controla persoalmente cada proxección dos seus filmes, que son sempre unha excepción: nesta sesión presentamos a súa última película en diálogo con Still Light e Sotiros, ambas as dúas extraordinarias de ver. Beavers tiña 16 anos cando coñeceu a Gregory Markopoulos, de 37 anos e xa un cineasta reputado, que o animou a deixar a escola e comezar a filmar: xuntos irían pouco despois a Europa, onde Beavers compoñería a súa procura da “filosófica maxestade da imaxe”: “O poder perceptivo do espectador, liberado polos sentidos e non pola empatía dramática, comeza a comprender o que compón o filme e as súas harmonías…”. A obra de Beavers é unha meditación prodixiosa, de extrema meticulosidade, sutileza e emoción, sobre os procesos e materias do cine (o corte, a luz, a emulsión, o son): os acenos artesanais e manuais (da xardinería ou da música) harmonízanse cos acenos da montaxe, ampliando e poetizando a visibilidade dos mínimos eventos.
Os dous programas de Stan Brakhage que se proxectan o 27 de febreiro proseguen a liña autobiográfica xa vista en series como Scenes From Under Childhood ou Sincerity. As tres películas de 1970, The Weir-Falcon Saga, The Machine of Eden e The Animals of Eden and After, están centradas no quinto fillo de Brakhage, Rarc, na súa enfermidade, convalecencia e recuperación. Duplicity (1978), Duplicity II (1978) e Duplicity III (1980) conforman conxuntamente coas cinco partes de Sincerity (proxectadas en outubro) o núcleo de todo este proxecto autobiográfico protagonizado polos cinco fillos que Brakhage tivo coa súa primeira muller, Jane Collom.
Agradecementos: Canyon Cinema (San Francisco), CCCB (Barcelona), Gonzalo de Lucas, Robert Beavers.

Sesión Robert Beavers
