Desencadres: A/Z - Zulueta inédito
Do 26 de maio de 2023 ao 30 de xuño de 2023
Iván Zulueta representa unha especie de buraco negro do cine. Sen dúbida, podemos considerar que esta é unha idea xeneralizada entre a crítica e a cinefilia e funcionou moi ben para crear un relato mítico arredor da figura do cineasta maldito. Como calquera hipótese, ten algo de certo, mais tamén do contrario. Vexamos. Persoa cunha creatividade e un talento inconmensurables, a súa figura amosa moitas das limitacións que, como espectadores e estudosos, temos á hora de pensar sobre o cine e sobre a creación audiovisual. Cineasta á par que debuxante, ilustrador, realizador televisivo, decorador, actor ou fotógrafo, Zulueta desafía as barreiras entre disciplinas, aínda que o fai movido pola súa paixón pola imaxe (case sempre) en movemento. Se para Godard un travelling era unha cuestión moral, para Zulueta era unha cuestión sensorial, una alucinación provocada pola fascinación ante o discorrer de corpos e de luces fronte á cámara.
De modo sintomático, a aproximación á súa obra fíxose tradicionalmente a través das longametraxes, Un, dos, tres… al escondite inglés (1969) e Arrebato (1980) e do fato de curtametraxes que puido salvar ante todo o Koldo Mitxelena Kulturunea cando organizou a exposición “Imagen/Enigma” hai agora vinte anos. Desde entón, o mito Zulueta seguiu medrando, mais é paradoxal que non ocorrese o mesmo coas pesquisas sobre a súa obra. Se a aquela exposición exemplar, lle sumamos o documental que realizou Andrés Duque en 2004, Iván Z, e a exposición que levou a termo en 2005 La Casa Encendida a partir do seu traballo fotográfico, “Entrementres…”, temos a trazabilidade desas escasas investigacións das dúas últimas décadas.
Semanas antes de sermos encerrados pola pandemia visitamos o almacén onde foran parar os restos materiais da obra e do taller de Iván Zulueta e chegamos a un comezo de acordo co irmán Jaime de Zulueta para rescatalos. Sen a complicidade e o traballo de Virginia Montenegro todo isto non sería posible. En agosto de 2021 pechábase a operación. Estes sete programas queren seguir pescudando na obra de Zulueta e fornecendo luz, sempre que for posible, sobre a súa figura. Somos conscientes, porén, que conforme fomos armando os programas, o enigma seguiu medrando. Neles recuperamos unha serie de materiais fílmicos que se crían perdidos ou sobre dos que non constaba a súa existencia. Isto é, desbotamos, de partida, aquelas curtametraxes que, mencionabamos antes, puideron circular nos últimos anos. Por tanto, dentro do esforzo da Filmoteca Española por preservar e difundir o patrimonio cinematográfico, este programa con sete sesións supón o disparo de saída para coñecer e propor novas aproximacións á súa obra. O arco temporal abrangue cinco décadas: desde os anos 30 deica os 80 do século pasado. Hase ter en conta que os materiais se mostran tal e como foron recuperados. Os títulos empregados son as inscricións que había nos envases das bobinas. Nalgún caso é evidente que o contido non responde ao que lemos nas caixas, mais así chegou ata nós. De non existir ninguna marca ou inscrición no envase, identificouse como “(sen título)”. Existe unha excepción, a serie titulada Cine Album Kodak, título atribuído por tratárense de bobinas aparecidas nun cine álbum e que ocupan o espazo do número atribuído. De aí que estes non sexan consecutivos. Cando non había outro xeito, as datas aproximadas deducíronse, se foi posible, a partir das marcas da película. Ás veces ni iso foi factible, malia que as imaxes poidan remitir, efectivamente, a un arco temporal. En calquera caso, a investigación sobre os materiais e os seus contidos segue aberta. Cómpre, outrosí, sinalarmos que aínda que estas bobinas, máis as seleccionadas por Jota para musicalizar no seu proxecto Pausa Plena, suman a case totalidade dos materiais inéditos recuperados, mais hai algúns rolos que ficaron fóra da escolma. Non son moitos, mais convén deixar claro que isto non é unha integral do material recuperado. En suma, o que presentamos é un corpus fílmico inédito de gran variedade que, esperamos, promova a reflexión e o gozo sobre unha vida e obra tan complexa coma única.
Josetxo Cerdán e Miguel Fernández Labayen
Nota: Todos os materiais orixinais rodáronse en 16 mm, 8 mm e S8 mm. A súa dixitalización realizouse en 4K. A maior parte dos materiais non teñen son e así se ofrecen. Os materiais sonoros están indicados nos programas.