
CORRESPONDENCIAS: PELÍCULAS COMO CARTAS
Do 15 de marzo de 2018 ao 20 de marzo de 2018
Unha correspondencia visual pódese filmar ou non pensando en alguén, pode ser ou non enviada, ou mesmo é posible que ese destinatario sexa imaxinario. A carta como película pode converxer no diario filmado na súa materia-vivencia, mais a orientación é diferente. A polisemia de moitos dos títulos deste ciclo permite redirixir poeticamente estas películas cara á correspondencia, do mesmo xeito que moitos cineastas deciden partillar con amigos, familiares ou parellas un material que inicialmente se filmou con outro propósito e que de súpeto se torna íntimo. A bobina física e a proxección efémera son aquí o resultado dun afecto recíproco, das películas feitas con amigos ou familiares (Mekas, Muñoz, Dorsky, Schwartz, Aurand, Sherwin, Frampton, Markopoulos). En ocasións, os cineastas mesmo se filman entre si (Brakhage e Mekas, Aurand e Muñoz), outra maneira de se corresponderen.
Alén das películas contedoras de cartas (News from Home de Akerman ou Red Shift de Gunvor Nelson), neste ciclo os planos son páxinas que xiran, e as imaxes follas cheas de palabras. Escríbese como se filma e fílmase como se escribe. É o alongado brazo do son que toca a imaxe en (nostalxia) de Frampton. Imaxes sonoras ou, no caso de Gatten, palabras-obxecto condensadas literalmente. Os paneis de texto, os vellos libros filmados como estratos, a evocación da linguaxe sen un significado específico, a proxección de palabras, os reflexos e sombras de árbores e paxaros lembran mensaxes de Sherwin ou os intres de Schüpbach, onde a pantalla se converte en caderno e o caderno en pantalla.
(...) A carta filmada pode achegar a forma da nota, o haiku, a carta de visita, a dedicatoria, o agasallo, a ofrenda, a elexía, a celebración, a oda, a canción, o soneto, a despedida. En calquera caso, en moitas delas hai unha forma de brevidade intensa, unha amplificación da substancia miniaturizada, unha experiencia de tempo condensado. A elipse é a cualidade do bosquexo: ás veces a cámara percíbese coma un lapis e fílmanse as imaxes coma se se desen pinceladas, unha a unha. Mais o instantáneo, o fugaz (o paso das estacións), non implica necesariamente a opción da toma única (filmar un plano, disparar unha toma). De aí a fusión de movementos contrapostos no frenesí dionisíaco dos xeroglíficos de Sonbert.
Este ciclo montouse construíndo módulos e re-coñecendo constelacións. Mais entre cada grupo poden aumentar tamén as correspondencias ou as oposicións, coma nos programas efémeros de Helga Fanderl. Sábese que, ao igual que os Envíos de Jeannette Muñoz, Stan Brakhage realizaba múltiples copias das súas Songs en 8 mm para ofrecelas de presente e enviar a amigos, mais tamén para proxectalas, como aquí, nuns espazos íntimos, nun cine-casa. En medio desa sensación de estar espiando polo ollo dunha pechadura, no paso do íntimo ao compartido, convertémonos de súpeto nos novos espectadores ideais destes cineastas.
PROGRAMA CONSTELACIÓNS AFECTIVAS
Jonas Mekas, Susan Sontag, Shirley Clarke, Allen Ginsberg, os Kuchar ou Jasper Johns son algúns dos 33 retratados en Galaxie, aos que Markopoulos visitou nas súas casas ou estudios. Rebobinando cada vez que acababa a bobina, a identidade do retratado medraba con cada capa. Na sétima toma, propuxo a cada un que escollese un obxecto persoal (debuxos, postais, fotos, xoguetes, máscaras, crucifixos). A constelación de afectos xorde do encontro entre as accións limitadas do retratado e os single frames, os fundidos, a man que golpea a lente, os movementos sinuosos ou a montaxe en cámara do cineasta.
PROGRAMA PAIS/NAIS-FILLOS/AS/AFILLADOS/AS
Unha cápsula de tempo que conservar no futuro; unha volta atrás no momento da proxección. Estes fragmentos rexistran momentos da vida de varios nenos, a súa infancia ou a súa adolescencia. Nalgunhas destas películas, os nenos parecen atemporais. Noutras, vémolos medrar (Franz, Fragmentos amorosos). Os nenos determinan a duración das tomas, a altura á que se filma, a forma da película (os trazos, a enerxía, os reencadres, os xestos da cámara), a construción de mundos a partir de espazos diminutos. Todo retrato dunha crianza é unha carta ao adulto que será no futuro.
PROGRAMA A PALABRA-IMAXE
Messages é unha exploración sobre as diferentes idades da cultura escrita –o papel, a terra, a pedra, a area, o cristal son soportes textuais- en que Sherwin traballa con asociacións libres (os debuxos da súa filla Maya co alfabeto indio). En Instants, como en Messages, a man, a auga ou o vento relacionan os sentidos con outra páxina e cun texto prefigurado polos ritmos do filme. A pantalla como caderno, a palabra como imaxe: en The Great Art of Knowing, Gatten desdebuxa a separación entre escritura e debuxo, palabra impresa ou escrita, a combinar tratados científicos, libros de instrucións, cartas, reflexos de paxaros e sombras de palabras.
Ciclo comisariado por Francisco Algarín Navarro e Garbiñe Ortega

La Petite fille et son chat

Happy Bees

She/va

Franz

First Weeks

Happy Birthday

Fragmentos amorosos

Walden. Reel #4

Galaxie

Messages

Instants
