CIRCUÍTO
Do 1 de maio de 2014 ao 30 de xuño de 2014
En colaboración con Tabakalera, Centro Niemeyer, Cineteca, MUSAC e Culturarts-IVAC Valencia.
CIRCUÍTO é unha rede de salas de exhibición en centros culturais públicos para atender a proxección de películas de calidade provenientes do circuíto internacional de festivais, mais que non contan con distribuidora en España. O programa, cuxa intención é presentar como media unha película ao mes, arrincou en cinco sedes e ten agora seis (o CGAI programa tamén estes filmes en Ourense): Tabakalera (San Sebastián), MUSAC (León), Centro Cultural Niemeyer (Avilés), Cineteca (Madrid), Filmoteca de Culturarts-IVAC (Valencia) e CGAI-Filmoteca de Galicia (A Coruña). Neste momento recuperamos un filme de beleza autorreflexiva dirixido polo chileno José Luis Torres Leiva, Verano (2011), e temos a ocasión de ver Holy Field, Holy War (2013), traballo de Lech Kowalski, prestixioso documentalista de vocación punk e agudos retratos.