Cine e Ciencia: Film Study Center of Harvard
Do 14 de setembro de 2010 ao 31 de outubro de 2010
En colaboración coa III edición da Mostra de Ciencia e Cinema, organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
Unha mostra de cine etnográfico realizado no ámbito do departamento antropolóxico da Universidade de Harvard. A selección de películas parte dun encargo da Mostra de Ciencia e Cine aos profesores e cineastas Ilisa Barbash e Lucien Castaing-Taylor, que presentarán esta escolma no CGAI. A colaboración coa Mostra comprende tamén a película xermana muda Wunder der Schöpfung (1925) e unha antoloxía de traballos do artista Lois Patiño.
“Este programa é unha selección de cine, vídeo e traballos fonográficos producidos nos últimos 40 anos por artistas e antropólogos asociados ao Harvard’s Film Study Center and Sensory Ethnography Lab. Fundado en 1957 polo cineasta Robert Gardner, orixinalmente como parte do Peabody Museum, o FSC apoia traballos que gravan e interpretan o mundo en imaxes e sons. O Sensory Ethnography Lab, que coordinan Lucien Castaing-Taylor e Ernst Karel, estableceuse en 2005 co obxectivo de aproveitar as perspectivas procedentes da ciencia, da arte e das humanidades para experimentar con combinacións innovadoras estéticas e etnográficas. As súas producións fan fincapé nas prácticas orixinais dos medios de comunicación de non-ficción que exploran a praxe corporal e o tecido afectivo da existencia. Os traballos seleccionados para este programa inclúen 7 películas e vídeos dun único canal, e unha actuación híbrido musical-fonográfica. A variedade de estilos vai desde a observación e o expositivo ata o expresivo e conceptual. Os temas inclúen un retrato lírico do pobo nilótico que se convertera nun clásico do rexistro antropolóxico (discursivo); unha moderna “sinfonía urbana” da antiga cidade india de Benarés; a tensión entre a seguridade e a democracia no vasto mundo do secretismo gobernamental contemporáneo; o traballo dunha mariscadora en Maine, EUA; o espazo arquitectónico, social e fenomenolóxico do case anacrónico almorzo industrial en Bath Iron Works, tamén en Maine; un retrato elexíaco dos últimos pastores que levaron os seus rabaños de ovellas ás montañas Absaroka-Beartooth de Montana en busca dos pastos de verán; a demolición dunha construción en Sichuan, China; e a etnografía sonora das contornas de investigación científica na Universidade de Harvard”.
Ilisa Barbash e Lucien Castaing-Taylor, texto “Sense and sensibilia”.
Agradecementos: Ilisa Barbash, Lucien Castaing-Taylor, Lois Patiño, Robert Gardner, Filmmuseum München, Karen Aqua.

Demolition / Chaiqian

Sweetgrass

Wunder der Schöpfung

Secrecy

Sesión Lois Patiño (2008-2010)

The nuer
