Ciclo + de 100
Do 19 de xuño de 1997 ao 21 de xuño de 1997
Hai agora un ano a dous cineastas, José Luis Ducid e Jorge Gil, ocorréuselles unha boa idea: convocar a cineastas novos do mundo enteiro a participar con breves películas nun programa titulado + de 100. O cine cumpría cen anos e neste caso a efeméride servía para mirar cara adiante, facendo unha proposta aberta que dese como resultado unha concentración en poucos minutos de imaxes e historias saídas do maxín dos que deben inventar o cine do vindeiro século.
A convocatoria de + de 100 saíu en todas direccións, desde Madagascar a Alaska. ¿Vivimos na era das comunicacións? Se cadra, si. Pero en moitos casos a resposta foi o silencio e cabía a dúbida de que a mensaxe tivese chegado ó seu destinatario. Noutros casos, recibíronse textos estimulantes e lamentacións por non dispoñer de materiais axeitados á invitación que se facía desde aquí. Con todo, + de 100 deu os seus froitos e hai algo que contar na pantalla. Desde Finlandia chegou Genre'96, un feixe de historias breves -Tämä on Sirkus Zimbabwe, 9,95 + ppm e Buu- realizadas na Universidade de Helsinki. Un croata, Zoran Drageli, enviou desde Canadá Moving Plates, ou a mestura de formatos para entrar na cabeza dun individuo. Finalmente, os irmáns Barry e Todd Kimm achegáronnos Days, un potente e sabio documental que nos introduce nas festas de tres pobos de Minneapolis (Estados Unidos); as fresas, as rosas e máis o futuro berce do Capitán Kirk -Star Trek- son teóricos protagonistas do gran día de cada un deses pobos nos que os irmáns Kimm saben mirar máis adentro.
En resumidas contas, sentiremos voces que participaron do diálogo que quixo ser + de 100.