Béla Tarr / László Krasznahorkai
Do 11 de febreiro de 2026 ao 27 de febreiro de 2026
O húngaro László Krasznahorkai, premio Nobel de literatura en 2025, é un nome que a comunidade cinéfila recoñece polas súas colaboracións co seu compatriota Béla Tarr, tristemente finado a inicios de 2026. A súa obra mestra Sátántangó (1994) – baseada nunha novela do primeiro – é material de culto e as outras catro colaboracións entre eles son ben respectadas.
Quen coñeza ben a súa filmografía, saberá que en 1987 saíu a primeira película do tándem escrita por Krasznahorkai, La condena, pero foi en realidade o tango satánico o que os uniu en 1982. Tarr estaba obsesionado co libro e por dúas veces visitou o escritor para lle pedir permiso para a adaptación. Krasznahorkai, que non pensaba en imaxes, senón en palabras, negouse. Porén, a insistencia do cineasta acabou por convencelo para lle dicir si nunha terceira visita, a condición de que el mesmo adaptase a novela. Tarr púxose a traballar de xeito independente cunha troupe amateur e xuntouse cun material filmado inxente en 1985. Quedou sen diñeiro para o laboratorio e a montaxe. Amais, as autoridades soviéticas da altura tampouco vían con bos ollos a temática do filme, que xira en torno á decadencia dunha cooperativa agraria, e puxeron moitos atrancos. Só anos máis tarde, conseguindo financiamento dunha televisión, deu rematado esta magna obra.
A súa linguaxe cinematográfica quedou perfectamente asentada nesta fita de longos planos secuencia, cunha cámara sempre móbil mais que avanza paseniño e deixa tempo para a reflexión existencialista, a contemplación do espazo – un protagonista máis – e os personaxes. A precisa composición, un tempo medido e a beleza dun impoluto branco e negro son marcas da casa.
A Krasznahorkai gustoulle a experiencia. Escribiu xunto con Tarr a citada La condena e despois adaptou a George Simenon en El hombre de Londres (1997); emprestou outra novela súa, Armonías de Werckmeister (2000), para que Tarr a levase ao cinema; e participou tamén na última longametraxe do artista, El caballo de Turín (2011), achegando a súa irónica e aceda visión a unha trama apocalíptica que parte dunha anécdota do filósofo Friedrich Nietzsche.
Este ciclo inclúe todas as súas colaboracións. Considerados uns mestres do slow cinema, as súas fitas teñen alcanzado un status de culto que atopa poucos rivais no cinema europeo dos últimos corenta anos.