Pa Negre
Agustí Villaronga, 2010.
109´. Subt. Castelán. Entrada gratuíta.
PA NEGRE / PAN NEGRO
(España, 2010)
Dirección e guión: Agustí Villaronga, sobre a novela homónima de Emili Teixidor. Produción: Massa d’Or Produccions, TVC e TVE. Fotografía: Antonio Riestra. Intérpretes: Francesc Colomer, Nora Navas, Marina Comas, Roger Casamajor. Duración: 109 minutos.
Na terrible posguerra da guerra civil española, en medio das penurias económicas, o estraperlo e a represión e crueldade fascista, nun pobo catalán aparecen os corpos mortos dun home e o seu fillo. Quen os atopa é Andreu, un neno fillo de derrotados do bando republicano, que pronto asiste con estupor ás acusacións das autoridades cara ao seu propio pai. Andreu tenta investigar a verdade. O resultado, un mundo de mezquindade, horror e mentiras, o dos adultos e o da sociedade da dictadura, que lle levará a tomar decisións importantes sobre o seu propio futuro e espertar unha conciencia moral. Gañadora de 9 premios Goya –os principais- contén varias revelacións, a recuperación da perspectiva infantil no relato (como nalgúns dos mellores títulos da transición), unha terna de secundarios gloriosa (Sergi López, Laia Marull e Eduard Fernández) e a consagración popular dun autor de culto, Agustí Villaronga, coñecido polas súas incursións no desasosego e a turbiedade, de Tras el cristal a Aro Tolbukhin, en la mente del asesino. Entrada gratuíta.