Orion: The Man Who Could Be King
Jeanie Finlay, 2015
86'. Vídeo HD. Entrada de balde
Orion: The Man Who Could Be King
(Reino Unido, 2015)
Dirección e guión: Jeanie Finlay. Dur.: 86'.
É 1977, e América enteira está de loito: acaba de morrer Elvis Presley. Mais un momento: non din que a rei morto, rei posto? Tan só dous anos despois do seu enterro, xa en 1979, plántase perante o mundo –realizando una chave de karate e un salaz movemento de pelve- unha especie de émulo enmascarado que soa igual ca el. Quen demos é? Este inefable traballo cóntanos algo que poucos coñecían: a peripatética carreira de Jimmy Ellis, alias Orion, un mozote dun lugar do sur que cambiou o rodeo pola fama, con resultados altamente chocantes. A pesar de que nos USA “soar como Elvis é o bico da morte”, un produtor filibusteiro decide precisamente o contrario, dálle un anteface a Ellis e a empurróns guíndao a unha area de fans esgazadas que aínda choraban a ausencia do Elvis auténtico. Todo é raro desde alí: o anonimato, o éxito, as proezas sexuais, as contradicións, os roubos contractuais e o home que odiaba a máscara. E outras cousas tremendas que non procede desvelar aquí.