Forget Love for Now
Koi mo wasurete / 恋も忘れて
Michiko Kuwano, Tomio Aoki, Shūji Sano, Setsuko Shinobu, Jun Yokoyama, Mary Dean, Hatsue Gion, Masao Hayama, Man Ikebe
- 73 min.
Yuki traballa como anfitrioa nun bar de Yokohama para poder sustentar o seu fillo pequeno, Haru. Despois de que o seu xefe se negue a compartir os beneficios do local, Yuki vese obrigada a que a acompañe un supervisor, Kyosuke, contratado para asegurarse de que non cause máis problemas. Kyosuke queda conmovido tras coñecer a devoción que ten Yuki polo seu fillo, quen sofre o acoso dos seus compañeiros de escola. Unha das películas máis antigas do ciclo Shimizu rodaríaa principalmente en interiores, centrándose na melancolía dunha muller traballadora e a valentía dun neno.
Foto ©1937 Shochiku Co., Ltd
- Ano:1937
- Países de produción: Xapón
- Guión: Ryōsuke Saitō
- Fotografía: Isamu Aoki
- Produtora(s): Shochiku
Hiroshi Shimizu: notas dun director itinerante
Jason Sanders (BAMPFA)
Unha nai solteira convertida en camareira de bar loita por criar o seu fillo fronte á condena social e a explotación económica neste gran redescubrimento non só das películas de Hiroshi Shimizu, senón tamén do cinema xaponés e o cinema negro de antes da guerra. Shimizu renuncia á súa habitual rodaxe en exteriores para crear un mundo de sombras e luz tenue totalmente confinado ao estudio, con personaxes enmarcados en sinistras calellas, clubs nocturnos Art Déco ou, o que é aínda máis perigoso, parques infantís. A estética dun noir envolto en néboa combínase con comentarios sobre a honra familiar xaponesa e o deber maternal, pero o elemento máis sorprendente da película é o contemporánea que resulta hoxe en día, xa que Shimizu a miúdo detén a narración para limitarse a observar as vidas dos personaxes. A actriz principal, Michiko Kuwano, foi unha presenza constante en moitas películas de Shimizu, e aquí é toda unha revelación; traxicamente, faleceu só catro anos despois de rodarse esta película, á idade de trinta e un anos.
Extraído do programa homónimo do BAMPFA. Tradución propia.