 
              1982-1986: tradición e folclore
- 60 min.
Terceira das proxeccións dedicada á empresa Espello Vídeo Cine, que nos anos oitenta documentou infinidade de eventos acaecidos en Galicia durante esa década. Centrámonos nas nosas tradicións e folclore a través da recuperación de tres pezas representativas destes temas.
Espello dedicou toda unha serie de reportaxes a eventos relixiosos e festas populares en diversas vilas de Galicia, varias delas guionizadas polo escritor Manuel Rivas. É o caso da peza sobre o santuario da Virxe da Barca, en Muxía, que abre esta sesión.
Continúase con Bombos e bombeiros, escrita e dirixida polo investigador e divulgador da música tradicional galega Pablo Quintana, que versa sobre os bombos, característica do entroido da bisbarra do Val do Couso, aos pés da Serra da Queixa. Na curta móstrase a fabricación destes instrumentos de percusión e a técnica interpretativa dos bombeiros.
Péchase a proxección con rexistros de concertos do festival celta de Ortigueira en 1983. É este un bo exemplo da capacidade creativa do cámara Arximiro M. García e da coidada técnica de Manuel Abad na edición, ambos pezas fundamentais en Espello.
Pezas na proxección:
- A Virxe da Barca, 1982.
- Bombos e bombeiros (1986).
- Festival Celta de Ortigueira, 1983.
Logo da proxección, haberá coloquio con César Muíño, director do festival de Ortigueira entre 1982 e 1989.
- 
                      Espello Vídeo Cine: unha crónica da Galicia dos oitenta1982-1986: tradición e folcloreVersión lingüística:VOFormato:HDColoquio con César Muíño. Entrada de balde. 
 
                                 
                  


