
Paraíso: Universidad Complutense de Madrid
- 20 min.
χιτών
Leo Postlbauer Villa | 2025 | España | Dixital | 3 min
A quitina é un composto químico que, xunto coa queratina e os ósos, sobrevive a todos os estados de descomposición dun ser vivo. Estes conxuntos de elementos orgánicos mortos son os protagonistas da peza.
A queratina, por outra banda, é un termo máis humano. Permite que nos creza o pelo, que coidamos ou danamos e que tanto significa para todos. Outro composto orgánico do mesmo elemento son as unllas. Podemos deixalas longas ou cortalas para o traballo manual, mordelas se estamos nerviosas ou pintalas das nosas cores favoritas.
O título da obra remite á orixe da palabra quitina. Do grego antigo tradúcese a quitón, unha vestimenta portada tanto por homes como por mulleres, para un uso de protección. A protección corporal a través da prenda transfórmase coa lingüística nun composto químico, como significado de algo que decora e protexe estes seres vivos, nós incluídos, co seu propio corpo.
A representación visual de certas imaxes ao microscopio non nos deixa recoñecer con claridade se o que está fronte a nós é humano, insecto ou paxaro. Descontextualizando a súa procedencia, os restos convértennos en iguais.
Tras irse todo o que nos distingue, só queda o último: o perpetuo. Sen identidade, unímonos en elementos esenciais: a quitina e a queratina.
(Leo Postlbauer Villa)
Por tu bien
Candy Zhu Qian Wen e Juntian Li | 2025 | España | Dixital | 5 min
Por tu bien é unha obra audiovisual onde manifestamos as nosas preocupacións, dúbidas e inconformidades con respecto a certas tradicións e imposicións que á xeración chinesa máis nova se lle solicita que cumpra, neste caso centrándonos especialmente no tema do matrimonio. Isto débese a que é a cuestión que máis nos acontece a nós, mulleres chinesas próximas aos vinte e cinco anos, que debemos construír unha familia antes dos trinta para non sermos consideradas mulleres non queridas. Ante este conflito, por mor da nosa falta de valentía para nos comunicar cos nosos pais, decidimos proxectar todas as nosas emocións e mensaxes nesta proposta. (Candy Zhu Qian Wen e Juntian Li)
Rutas migratorias
Raquel Barbero Cienfuegos | 2025 | España | Dixital | 2 min
No vídeo contrástase o seguimento das rutas de aves migratorias co de aves engaioladas. Pola súa vez, as aves son comparadas coas persoas, co obxectivo de lle xerar ao espectador a pregunta de como se vería a ruta da súa vida. Sería longa ou curta? Ficaría moito tempo nun punto? E cal sería?
Porén, cando o teu percorrido vital non depende só de ti, tamén depende de factores externos que están fóra do teu control, como a vida sedentaria inherente ao traballo tradicional de oficina, ou as adiccións ao entretemento. (Raquel Barbero Cienfuegos)
CARNE-FICCIÓN
Luna Blanco Pines | 2025 | España | Dixital | 5 min
CARNE-FICCIÓN propón unha reflexión persoal sobre a construción simbólica da feminidade como máscara, ideoloxía e legado cultural. A narradora —unha voz encarnada e fragmentada— explora a súa relación coa cámara desde o nacemento: un dispositivo que observa, moldea e reinterpreta.
A través dunha narrativa non lineal que combina ficción e performance, póñense en cuestión os estereotipos herdados polas mulleres ao longo da historia do cinema, entendidos como signos dunha feminidade performativa, fráxil e domesticada. A voz en off cuestiona o seu propio desexo de adoptar a feminidade, mentres unha muller maior practica e vive a súa feminidade sen opresión: unha ficción que escapa da lente patriarcal imposta.
A peza despraza a cámara do rexistro ao reflexo, da mirada externa ao xesto interno, revelando unha conciencia que transita entre o persoal e o político, o íntimo e o arquetípico. CARNE-FICCIÓN adopta unha linguaxe híbrida entre o experimental e o ensaístico, no cal imaxe e palabra configuran un dispositivo crítico que desafía as narrativas visuais normativas.
(Luna Blanco Pines)
¿Qué es real en mí?
Daniel Rodero Sanz | 2025 | España | Dixital | 5 min
Curtametraxe en que se reflexiona sobre a multiplicidade dun mesmo, sobre todas as persoas que fun, son e serei ao longo do tempo, e sobre como convivir coas dúbidas constantes arredor da miña identidade. Unha viaxe para atopar tranquilidade no estar perdido con un mesmo. (Daniel Rodero Sanz)
-
(S8) XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico
Paraíso: Universidad de Salamanca
Paraíso: Universidade de Vigo
Paraíso: Universidad Complutense de Madrid
Versión lingüística:VOFormato:HDEntrada de balde.
Un crisol de escintileos
Noemí García Díaz
A sección Paraíso acolle, por vez primeira, as obras cinematográficas de seis estudantes da Facultad de Bellas Artes da Universidad Complutense de Madrid. A selección é unha mostra do traballo máis experimental que se realiza no marco das materias Audiovisuais e Produción Audiovisual impartidas no Grao de Belas Artes.
Desde a facultade animamos os estudantes a explorar a linguaxe cinematográfica a partir dunha busca formal que promova tamén unha indagación xenuína e orixinal nos seus intereses persoais e artísticos. Desde ese lugar, as cinco pezas que se van proxectar afondan nun crisol de temáticas e formas fílmicas que flutúan entre a experimentación máis clásica e as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial.
Nesta selección, atopamos reflexións sobre a identidade entendida como unha contraposición entre o persoal e o cultural, a multiplicidade do eu, a construción simbólica da feminidade e a relación entre os periplos vitais e a emigración das aves, así como a observación microscópica dos seres vivos.
Cada peza é un escintileo de arte que habita nestes mozos.