
Paraíso: Universidade de Vigo
- 24 min.
SENTIR
Sara Ricoy | 2025 | Galicia | Dixital | 4 min
Ante a consciencia da paulatina desaparición de algo, existen dúas opcións: ser cómplice do esquecemento ou tratar de que algo sobreviva. Preguntar, escoitar, lembrar e documentar. Repetir o procedemento tantas veces como sexa necesario. Hai algúns anos Esther falábame da morte e do dó como procesos colectivos. Das persoas que mencionaba, poucas viven xa. Da aldea de que me falaba, pouco queda. E hoxe Esther xa case nin fala. Cando algo desaparece, que queda? (Sara Ricoy)
FORA
Iván X. Esmoris e Sara Ricoy | 2025 | Galicia | Dixital | 3 min
O pantano ía ser e nunca foi. Sos mais xuntos, Irene e Eliseo quedaron cando todos se foron e alí continúan, á beira do Lérez, corenta anos despois de se negaren a marchar. Nunha pequena aldea da provincia de Pontevedra, este matrimonio chegou a gañarlle a partida a un pantano que os obrigou á soidade de ser a única morada visible. Vivindo na súa casa, que non é súa, e nunha vila onde xa non hai vila. A súa vida é un exercicio de amor e resistencia. O seu testemuño, un desafío ao paso do tempo. E eles berraron: «Fóra Fenosa, que a terra é nosa». (Iván X. Esmoris e Sara Ricoy)
DENTRO
Irene Santamaría | 2025 | Galicia | Dixital | 5 min
Un percorrido autobiográfico desde as sensacións, desde o simbólico, desde dentro… Un repaso mental daquilo que deixa pegada dese xeito que non eliximos, e do que non sempre gustamos de falar. Se pechamos os ollos e conectamos con ese momento en que empezabamos a ser nós mesmos, quizais non todo foi calma, amor e boas lembranzas… Quizais agora, desde a mirada do teu eu adulto, poidas abrazar o duro que foi por veces e as feridas que tiveches que curar. Porque medrar por veces doe, porque medrar é por veces curar as feridas. (Irene Santamaría)
UNA ESTRELLA SE ESTRELLÓ
Rocío Campoy Lage | 2025 | Galicia | Dixital | 4 min
Nesta película trátase a apreciación e a importancia do círculo de apoio e a rede de coidados que necesitamos as persoas para alcanzar unha estabilidade e benestar emocional. Os pensamentos intrusivos poden invadir e nubrar a nosa mente, mais, contando cunha comunidade ao noso redor, é moito máis sinxelo saírmos do ensimesmamento. A través de algo tan revolucionario como a tenrura e a amizade, esta peza é un acto de invocación que chama pola esperanza. (Rocío Campoy Lage)
AUSENCIA
Gema Rodríguez | 2025 | Galicia | Dixital | 8 min
Ausencia é tempo, carencia e fraxilidade que hoxe cicatriza a raíz dunha cinta que transcende o recordo. Observar a escuridade e poñer voz á palabra é o primeiro paso para deixar ir unha dor retida e materializar unha ferida aínda aberta. A canción tiña razón co seu «cada vez que te vas, levas contigo un anaco de min», salvo que esta catarse cose o anaco, sanda e emprende a despedida. (Gema Rodríguez)
-
(S8) XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico
Paraíso: Universidad de Salamanca
Paraíso: Universidade de Vigo
Paraíso: Universidad Complutense de Madrid
Versión lingüística:VOFormato:HDEntrada de balde.
Reparar a dor
Xisela Franco
Neste ano, as cinco películas da Universidade de Vigo que integran Paraíso devólvennos a un lugar íntimo onde o tempo se sente desde a ferida e o cinema opera como costura. Hai nelas un uso da linguaxe fílmica como ferramenta de reparación, unha vontade de escoita que se torna en acto de resistencia para confrontar a dor. Trátase de non esconder a dor, senón bordala con fíos de luz. En cada obra latexa unha ausencia encarnada, a dunha muller que fala da morte e o loito nunha aldea que desaparece (Sentir), a dunha parella de anciáns que lle gañou a batalla a unha empresa eléctrica e se aferra a unha casa que xa non é vila (Fora), a que mira con nostalxia as sensacións da nenez (Dentro), a que busca o sentido no dó e a despedida dun ser querido (Ausencia), ou a que invoca a amizade como acto de superación e esperanza radical (Una estrella se estrelló). As pezas deste ano zumegan tenrura e ensínannos que o sensible non é sinónimo de debilidade, senón de lucidez. Fronte ao ruído do mundo, hai un modo de mirar distinto, que se detén, que coida e acompaña. Estes novos artistas estudantes de Belas Artes logo entenderon que o cinema pode ser unha forma de sandar (tamén a si mesmo), reparar o esquecemento e estar cos outros.