
Play-Doc: Elaine May
Do 10 de xuño de 2025 ao 13 de xuño de 2025
Calquera ocasión que se presente de ver no cinema unha película de Elaine May é unha ocasión que non se debe deixar pasar. Dos momentos de vulnerabilidade dos seus imperfectos personaxes ás acerbas e incomparables ocorrencias que fan que en cada risa soe o eco dunha idea común do que constitúe a experiencia humana que compartimos, os filmes de May son testemuños perdurables non só da súa xenialidade, senón tamén do gozo e dor singulares de vivir o cinema na compaña doutros.
De May, nada en Filadelfia de pais actores, dise que de nena formou parte do grupo de vaudeville yiddish que tiñan eles, aínda que sería prudente tomar con certas reservas calquera dato biográfico seu, xa que May se recrea distorcendo o seu propio mythos. Máis adiante matriculouse na Universidade de Chicago, onde coñeceu o seu futuro colaborador Mike Nichols (tamén cineasta de renome que dirixiría películas como ¿Quen teme a Virginia Woolf? e O graduado). Xuntos formaron Nichols e May, o pioneiro dúo cómico cuxos agudos sketchs satíricos redefiniron a comedia estadounidense nos 60. A partir de aí, May pasouse á escritura de guións, a actuación e a dirección, se ben o seu legado como realizadora careceu de recoñecemento durante décadas. Nos últimos anos, o seu traballo goza dun decisivo renacer que brinda máis oportunidades para visualizar as súas películas do xeito en que se concibiron para ser vistas: nas salas, con máis cinéfilos arredor dun.
The Heartbreak Kid (1972) leva moito tempo sendo notoriamente difícil de ver, o cal se debe, en gran medida, a complicados problemas de dereitos que se derivan da súa produción e distribución orixinais a través de empresas xa desaparecidas. Pese a que nos últimos tempos se proxectou nos cinemas con maior frecuencia, continúa sen estar dispoñible en vídeo doméstico nin nas plataformas de transmisión de contidos multimedia. O guión atribúese ao dramaturgo estadounidense Neil Simon —quen ao principio insistiu en que May non mudase nada do diálogo (malia que a ela lle encantaba improvisar)—, pero a historia do apoucado Lenny (Charles Grodin), do seu recente matrimonio con Lila (Jeanne Berlin, filla de May) e da súa obsesión coa deusa xentil Kelly (Cybill Shepherd) é, inconfundiblemente, a da propia realizadora. As maneiras de se comportar de Lenny, autodesprezativas e idiotas, resultan emblemáticas do humor de May, non obstante a película suscitou a polémica polo seu retrato, supostamente estereotipado, dos xudeus (a propia May o é) e do trato que dispensan ás mulleres.
A oportunidade de facer The Heartbreak Kid veulle dada polo éxito do seu primeiro filme, A New Leaf (1971), o cal foi unha especie de manifestación da forza do destino: May escribiu o guión e despois ofrecéuselle a ocasión de dirixir a película, cousa que ao estudio lle saía máis rendible. Esta comedia romántica negra céntrase no Henry Graham encarnado por Walter Matthau, un opulento diletante que descobre que desbaldiu a súa vasta fortuna e debe casar para manter o seu fastoso estilo de vida. Decídese por Henrietta Lowell (May), herdeira orfa metida a profesora de botánica, e concibe un plan para casar con ela e logo asasinala co obxecto de reclamar a súa fortuna. Trátase, con moito, da película máis tenra das de May, aínda que non deliberadamente: a versión orixinal da cineasta era de tres horas e media de duración e contiña, de feito, algúns asasinatos que levaban ao sorprendente desenlace. Ao cabo, a esa versión déuselle carpetazo e o que queda é algo que ela prefire que o público non vexa; chegou mesmo a demandar o estudio para que suprimisen o seu nome.
May non se debe senón á súa visión, compromiso que alcanzou o seu cume durante a produción da súa película Mickey and Nicky (1976). O filme está protagonizado por John Cassavetes e Peter Falk como gánsteres que se ven enfrontados á longa historia que comparten cando Nicky (Cassavetes), tras roubarlle cartos á súa organización, tenta fuxir da cidade. Parece que Mickey (Falk) quere axudar…, ata que saen á luz as súas intencións, máis arteiras. Trátase dun lacerante estudo da amizade masculina (hoxe en día abúsase do termo masculinidade tóxica, mais non deixa de ser atinado para describir as restricións emocionais que afogan estes homes), así como un testemuño da integridade artística de May e de a que extremos está disposta a chegar para a preservar. A rodaxe en si foi caótica, pero o proceso de montaxe resultou selo aínda máis e superou o ano de duración. En certo punto, May mesmo tomou como refén o material cando o estudio tentou facerse co control, o que desembocou nunha prolongada batalla xurídica por uns rolos de película que faltaban e que non foron devoltos; ao final, si se restituíron, e May supervisou o que faltaba da montaxe.
Malia que non volveu dirixir unha longametraxe desde Ishtar (1987) —película que seguiu á brutal posprodución de Mickey and Nicky e veu acompañada das súas propias e infames loitas no ámbito da produción—, o seu legado como cómica, guionista e realizadora non deixa de ser impresionante. Alén dos guións cuxa autoría ten atribuída, como os de Unha gaiola de grilos (The Birdcage) e Primary Colors, tamén foi unha solicitada —e, a miúdo, sen atribución— asesora de guións. No ano 2019, May gañou un premio Tony pola súa actuación en The Waverly Gallery, de Kenneth Lonergan, no que constituíu a súa primeira aparición en Broadway en máis de cincuenta anos, e en 2022 recibiu un Óscar honorífico, o cal empezou por fin a poñer remedio ao magro recoñecemento do que gozara unha das nosas maiores artistas vivas. Porque Elaine May é, simplemente, unha lenda viva: a agudeza do seu enxeño, a súa fondura emocional e a súa visión sen concesións seguen a dar forma ao cinema e a comedia estadounidenses.
A inaprensible xenialidade de Elaine May
Por Kat Sachs
Coa colaboración de

Corazón verde
