
La novia del pirata
La fiancée du pirate
Bernadette Lafont, Georges Géret, Henri Czarniak, Claire Maurier, Julien Guiomar, Jean Paredes, Pascal Mazzotti, Jacques Marin, Michel Constantin, Louis Malle
- 107 min.
Tras a morte de súa nai, cansa dos abusos dos seus veciños, unha muller decide empezar a cobrar a todos aqueles que queren manter relacións sexuais con ela, poñendo patas arriba a orde establecida na vila.
«Creo que a razón pola que algúns homes se posicionaron tan abertamente en contra da película era que o concepto do pecado non xogaba ningún papel. A prostituta é unha muller, un ser humano, e non só unha muller senón ademais unha muller que castiga a outros e non paga ningún prezo por iso… e iso non se pode permitir. Dicíanme -nos momentos que tiña problemas para proxectar a película- “se polo menos morrese”… pero eu non quero que morra! É incrible!». (Nelly Kaplan)
- Ano:1969
- Países de produción: Francia
- Guión: Michel Fabre, Nelly Kaplan, Claude Makovski, Jacques Serguine
- Fotografía: Jean Badal, Jean Monsigny
- Montaxe: Noëlle Boisson, Nelly Kaplan, Gérard Pollicand
- Produtora(s): Cythère Films, Paris-Films Productions
Xogas con ela, pagas
J. Hoberman (New York Times)
A película, estreada en Francia como “La Fiancée du Pirate”, está ambientada na vila ficticia de Tellier (unha alusión ao conto de Guy de Maupassant sobre prostitutas de vacacións, adaptado en Le Plaisir de Max Ophüls). Marie (Bernadette Lafont) é unha serventa de aspecto adusto que, entre outras indignidades, é presa sexual dos homes da vila, así como da súa xefa (Claire Maurier). Logo de que a súa nai, vilipendiada por xitana, morra atropelada por un condutor que se dá á fuga, Marie decide cobrar aos Tellier os favores sexuais que ata entón lle arrebataran.
Autoliberada, o seu aspecto cambia. Tras aplicarse un cosmético a base de bagas trituradas e organizar un velorio pagán para a súa nai, Marie vólvese maxicamente irresistible. Nunha entrevista recente coa xornalista cinematográfica Joan Dupont, Kaplan describiu a súa protagonista como “unha bruxa que non se deixa queimar”. En efecto, Marie é unha Circe que non necesita converter os seus admiradores en porcos: xa o son.
Marie desconcerta e humilla a xente do vila a cada paso, desplumando a uns, rexeitando a outros e chantaxeándoos a todos. As súas seducións e transaccións van acompañadas da alegre canción “Moi, je me balance”, escrita e cantada pola célebre artista de cabaré Barbara (Monique Serf). “A bruxa enfeitizounos”, quéixase un zoquete acerca dos paisanos namorados. É unha frase que Kaplan podería ter oído en vida. Nada en Bos Aires en 1931, trasladouse a París aos 22 anos, onde foi acollida no círculo de vellos surrealistas de André Breton, relacionouse co venerable cineasta Abel Gance e dirixiu un ben recibido retrato documental de Pablo Picasso. La novia del pirata foi a súa declaración de independencia.
Lafont, unha incondicional da Nouvelle Vague que debutou na pantalla nunha curtametraxe de François Truffaut, impregna o seu personaxe da implacabilidade dun protagonista de Brecht. Na súa crítica xeralmente favorable, Vincent Canby, de The New York Times, escribiu que “interpreta a Marie cunha especie de ira intelectual sen sexo, que fai que todo o alboroto sobre a súa lendaria sensualidade sexa aínda máis gracioso do que podería ser se fose unha adolescente vaporosa”. (Segundo Kaplan, Lafont “realmente non o entendía, pero estivo xenial de todos os xeitos”).
La novia del pirata é implacablemente anticlerical e antiburguesa. Con todo, por moi provocativamente caricaturesca que sexa, a película séntese máis próxima aos espectáculos “Off Broadway” montados pola Playhouse of the Ridiculous a finais dos anos sesenta.
Aínda que moi da súa época, La novia del pirata mantense sorprendentemente fresca despois de 50 anos. O triunfo de Marie non é só unha vitoria para o seu xénero e clase senón, dada a natureza explicitamente xenófoba da petulante orde patriarcal que ela trastorna, unha vitoria para os forasteiros e marxinados de todo tipo.