
Una jornada particular
Una giornata particolare
Sophia Loren, Marcello Mastroianni, John Vernon, Françoise Berd, Patrizia Basso
- 106 min.
6 de maio de 1938. Roma preparou un desfile de honra a Hitler con motivo da súa visita para atoparse con Mussolini. Toda a cidade está implicada no recibimento. Pero nunha casa de veciños, unha ama de casa, nai de seis fillos, e un locutor de radio que, por algún motivo, teme á policía, permanecen á marxe das celebracións fascistas. Entre ambos establécese unha afectuosa relación, chea de emocións e confidencias.
- Ano:1977
- Países de produción: Canadá, Italia
- Guión: Ettore Scola, Ruggero Maccari
- Fotografía: Pasqualino De Santis
- Montaxe: Raimondo Crociani
- Produtora(s): Compagnia Cinematografica Champion
-
Una jornada particular, un amor imposible bajo el fascismo arrasador
Javier Puig (Mundiario)
-
Homenaxe a Ettore Scola
Días de cine (La 2)
Tráiler
Versión inglesa sen diálogos
A cara oculta da historia
Una giornata particolare ábrese con imaxes de noticiarios da visita de Hitler a Roma o 6 de maio de 1938. Inmediatamente Scola prosegue o seu filme cun conxunto de planos xerais que nos mostran o arrebatador complexo Palazzi Federici na rúa XXI Aprile de Roma; vivendas de estilo racionalista obra do arquitecto Mario De Renzi, que empezaron a acoller os seus primeiros inquilinos en 1937, poucos meses antes da acción da película. Bandeiras nazis e fascistas adornan os balcóns, polo que tempo e espazo quedan perfectamente definidos nestas dúas primeiras secuencias.
Hitchcock tería gozado rodando aquí Rear Window. O acceso aos inmobles realízase por escaleiras que sobresaen das fachadas, nunha sorte de torres de grandes ventás. As mesmas dan a un gran patio interior, polo que unha persoa que se sitúe no centro –véxase, unha entremetida porteira– terá unha visión panóptica dos movementos dos veciños. Esta “particular” convivencia comunitaria contrasta co espazo interior en que se desenvolve boa parte da fita.
Antonietta (Sophia Loren) e Gabriele (Marcelo Mastroianni) non acoden ese día ás celebracións na vía pública para aclamar o Führer. Ela, fervente fascista, debe quedar na casa para traballar para o seu marido e os seus seis fillos. El non quere ter nada que ver con Hitler e Mussolini. A escena na que coñecemos o personaxe de Mastroianni non o evidencia, pero é obvio que se trata dun home que se opón ao réxime e actúa con cautela cando unha casualidade provoca que coñeza a Antonietta. Aos poucos, van desvelando as súas frustracións nun encontro que resultará vital para ambos.
Ao escoller a Loren e Mastroianni cando tiñan 42 e 52 anos respectivamente –idade que os produtores consideraron demasiado avanzada cando se propuxo o elenco–, Scola estaba a realizar unha elección moi consciente. Considerados os sex symbols do cinema italiano por excelencia, o director sitúaos en personaxes que esconden moitas frustracións, non só sexuais, pero estas son particularmente importantes. Nun réxime que impoñía taxativamente unha masculinidade férrea e un ideal de muller uniforme, Antonietta e Gabriele presentan unha cara pública e outra privada que son opostas –un dos personaxes descóbreo no transcurso do filme, vive non só nun cárcere de formigón, senón tamén nun cárcere mental de confección propia. A forma na que se usa o espazo arquitectónico reforza estas intencións de Scola, como tamén o fai a innovadora, poderiamos dicir mesmo que experimental fotografía de Pasqualino De Santis. Rodada en cor, a película foi exposta a varios procesos de etalonaxe ata conseguir unha tonalidade sepia que se corresponde coas imaxes de arquivo, as oficiais do réxime. Describe así Scola unha realidade gris para os protagonistas, pero certas decisións cromáticas destacan algunhas tonalidades, aumentando a expresividade de cores específicas. Ocorre sobre todo nos primeiros planos e nos subxectivos. O director sorpréndenos cuns cantos destes, é tamén Una giornata particolare un filme sobre reeducar a mirada. Estas cores estiveron perdidas durante moito tempo, pero a restauración de 2014 logrou recuperalas.
A fita foi un éxito de público e crítica. Recibiuse calorosamente en Cannes e, tras un ronsel de premios, supuxo o segundo nomeamento ao Oscar para Marcelo Mastroianni.