
Prefiro condenarme
Sagrario Ribela Fra, Nardo Beceiro Ribela, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro, Antón Lopo
- 88 min.
A historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal e como unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.
-
Olladas de muller 2025
Prefiro condenarme
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresenta: Margarita Ledo. Entrada gratis.
- Ano:2024
- Países de produción: España
- Guión: Margarita Ledo Andión, Eva Veiga
- Fotografía: Alberte Branco
- Montaxe: Clara G. Nieto
- Produtora(s): NÓS Productora Cinematográfica Galega
-
Margarita Ledo hace de Sagrario Ribela una Antígona contemporánea
Paula Arantzazu Ruiz (Cinemanía)
Trailer
VO
Recordar é volver pasar polo corazón
Margarita Ledo Andión
Prefiro condenarme parte dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol durante a ditadura, en 1972. O Tribunal eclesiástico de Compostela, que asume competencias civís, contra todo prognóstico absolve a Sagrario Ribela Fra. Ten 33 anos. Recompoñer as pezas desta historia lévanos a un personaxe popular capaz de confrontar as regras que, tamén no terreo dos afectos, a encerran nun papel de subalterna. E aínda que emerxen a violencia, os malos tratos, a falta de dereitos á vez que unha atmosfera social opresiva, en realidade do que trata a película é do que todas e todos desexamos: querer e que te queiran.
Desexo, desobediencia, clase social definen a súa historia de mil caras, atravesada pola ditadura e a transición. Casada en 1955 con 16 anos, aos dous de casar tivo o primeiro fillo dun marido mariñeiro mercante que a preña e bate nela cada vez que chega á casa, mentres lle mostra fotos con mulleres en salóns de baile e repite: "non serves para nada". En 1962 Sagrario foxe a Asturias pero o marido séguea e fai que regrese. A pena por "abandono de fogar" ou por "adulterio" é radical. E así, desta maneira, cada noite ten que terlle a roupa preparada para que saia por locais de alterne.
Espello dunha época en perpetuo malestar, comeza a sentir ese desacougo elemental, a atracción por alguén próximo, de quen se vai namorar. "Botar un amigo? Iso non é para nós, as pobres", di a nai. A pesar de todo, co mesmo sacho que recolle ameixa femia consegue labrar a independencia dos seus afectos. "Vante condenar", insiste a nai. "Prefiro condenarme", respóndelle ela.
Como unha nova Antígona que se libera e renuncia á caverna, Sagrario oponse á norma mentres co seu acto reclama o divorcio, a lei aínda non escrita. E será unha das primeiras mulleres que se divorcie en Ferrol.