Sesión I. Unha realidade volta experimento
- 70 minutos
I
BOOMERANG (Julio Otero Mancini, 1976, Super-8 a dixital)
TESTAMENTO Y VIDA INTERIOR (Narcisa Hirsch, 1976, Super-8)
PASSACAGLIA Y FUGA (Jorge Honik e Laura Abel, 1976, Super-8)
SENSACIÓN 77: MIMETISMO (Marie Louise Alemann, 1977, Super-8 a dixital)
GAMELAN (Claudio Caldini, 1981, Super-8)
RESISTFILM (Pablo Marín, 2014)
Unha figura lanza un golpe á cámara que desata unha reacción en cadea de queimaduras e desintegracións na propia película. Un grupo de suxeitos vestidos de negro transportan un ataúde polas rúas de Bos Aires ata as montañas da Patagonia. Unha casa á intemperie é rexistrada minuciosamente como último refuxio fronte ás inclemencias do mundo externo. Unha muller que se parece moito a unha guerrilleira atravesa unha paisaxe selvática volvendo sobre os seus pasos recorrentemente para observar os seus posibles perseguidores mediante un par de binoculares. Unha cámara separada do seu operador xira sen resolución en medio dun territorio natural virxe, desolado, ensaiando unha sorte de performance catártica.
Filmadas (agás a peza do propio Marín) durante a tormenta de persecución, encerro e desaparicións da última ditadura cívico-militar arxentina (1976-1983), as películas desta sesión –realizadas por nomes capitais da xeración máis influínte do cine experimental deste país– esixen ser vistas non só como un corpus de filmes renovadores na súa concepción dunha nova linguaxe cinematográfica, tamén como documentos en primeira persoa da realidade alienante e opresiva daquela vida social e política. O feito de que no contexto máis escuro da historia recente arxentina emerxese semellante serie de filmes, capaces de amosar unha liberdade formal e argumental ao mesmo tempo tan arriscada e despreocupada das súas posibles repercusións, permanece coma un dos paradoxos máis luminosos e subvalorados do cinema arxentino.
-
Desencadres: Cine experimental arxentino
Sesión I. Unha realidade volta experimento
Versión lingüística:VOFormato:HDPresentación: Pablo Marín. Entrada de balde.
- Ano:1976-2014
- Países de produción: Argentina