
Pontevedra, cuna de Colón
- 23 minutos
Documental de 1927 que desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón, defendida por varios historiadores citados na película. A peza tivo dúas versións, estreadas en 1927 e 1930 respectivamente, e cada unha delas serviu a Enrique Barreiro, unha das figuras máis importantes do cine galego nos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón, como campo de probas nos seus experimentos para dotar de cor a imaxe cinematográfica. Concretamente, a versión de 1927 está realizada empregando un sistema de cor experimental de creación propia chamado Cromacolor. Material restaurado pola Filmoteca Española, a peza que se poderá ver recupera as cores orixinais deste traballo pioneiro.
-
Fóra de serie
Pontevedra, cuna de Colón
Versión restaurada Cromacolor (Filmoteca Española, 2020). Entrada de balde.
-
Ciclo + de 100
Botadura del Acorazado Alfonso XIII
Pontevedra, cuna de Colón
Vigo. Reportaje Nº 15
Versión lingüística:VOFormato:35mm.A proxección complétase con Homenaxe a Sellier (Escola de Imaxe e Son, 1997). Entrada gratuíta.
- Ano:1927
- Países de produción: España
- Guión: Enrique Barreiro
En 'O cine en Galicia' (A nosa terra, 1997), pp. 172-175
Xosé Nogueira
Como en tantos outros casos, a súa temperá atracción polo cine constituíra en Enrique Barreiro unha prolongación natural do seu interese polos aspectos técnicos da fotografia e da toma de imaxes. Con respecto a este medio, a súa gran obsesión desde o primeiro momento será a consecución dun sistema de coloreado para as películas, xunguíndose así á longa lista de experimentadores que, case desde as primeras sesións públicas do cinematógrato, traballaron sobre os dous elementos que moitos consideraban necesarios para que o cine acadase as máximas posibilidades de verismo naturalista: o son e a cor. Durante o primeiros anos 20 esas investigacións acentuáranse, dado que as experiencias de coloreado e protosonoridade desenvolvidas ata entón presentaban unha serie de limitacións, de carencias técnicas, que seguían a condicionar as posibilidades expresivas. O traballo de Enrique Barreiro correra, pois, en paralelo cos progresos que estaban a agromar no resto do mundo en relación coa consecución da cor (nos primeiros anos da década comézase a empregar o Technicolor bicromático) e co rexistro do son (o procedemento de son fotográfico —pista óptica lateral— Phonofilm, patentado polo enxeñeiro norteamericano Lee De Forest, entra en funcionamento en 1923).
Logo de tres anos de investigacións nesta liña, E. Barreiro obtén no 1924 a patente para "Un nuevo procedimiento destinado a rendir en sus colores naturales las proyecciones de películas cinematográficas tomadas para este fin", á que lle seguirá en 1925 o seu sistema de "Perfeccionamiento en la cinematografía a colores naturales".
No informe que presentou para o Ministerio de Trabajo, Comercio e Industria de cara á homologación oficial deste último proxecto —conseguida no mes de xullo—, podíase ler: "La presente invención se refiere a la cinematografía en colores naturales obtenida mediante un procedimiento a dos colores con el carmín y el azul-verdoso, que sustituyen con ventaja al rojo-anaranjado y al amarillo-verde empleados hasta aqui en otros procedimientos a bicolor; pues aquellos copian y reflejan los rayos azules del modelo original, formando un colorido más perfecto e inofensivo al órgano de la visión [...] comprende también la creación de películas teñidas por una máquina, que aplica sobre cada imagen positiva el color que éstas corresponda [...] pudiendo correrse en los proyectores de uso corriente sin que intervenga ningún obturador de colores".
Paralelamente, e xunto co seu irmán Ramón, realizara unha serie de filmacións de proba pola bisbarra pontevedresa —concretamente unhas vistas do río Lérez e da granxa modelo do indiano Casimiro Gómez en Monte Porreiro— que presentará no Teatro Principal a finais dese mesmo mes de xullo. A presentación do novo procedemento foi acollida con expectación e os seus resultados na pantalla gabados polos cronistas dunha boa parte da prensa galega alí congregados (o Diario de Pontevedra chegou a publicar un longo artigo titulado "El invento de un pontevedrés. La película en colores" [30-6-1925]). O acto tivo repercusión mesmo nalgúns periódicos madrileños e do ámbito da emigración.
A partir de aí ábrese un período no que Enrique Barreiro realiza varias viaxes (primeiro a Madrid e Bilbao, logo —por dúas veces— a París) coa fin divulgar nos principais círculos profesionais o seu sistema, que se denominará Cinecromo. Asemade, seguirá a traballar nos problemas técnicos que aínda se lle presentaban e, chegado o 1927, comeza a preparar a que sería a súa primeira produción comercial, unha mediametraxe documental centrada na demostración dunha tese moi de moda en determinados círculos académicos e periodísticos locais da época, que aseguraba poder documentar a orixe galega de Cristóbal Colón. O filme, titulado Pontevedra, cuna de Colón, estrearase o 2 de maio de 1927 no Teatro Principal da capital pontevedresa "cunha platea ateigada e predisposta aos sentimentos localistas".
Uns días antes do evento, o xornalista de El Pueblo Gallego M. Rivas Villanueva tivera unha longa entrevista con E. Barreiro no seu estudio na que o investigador e cineasta realizou un completo repaso pola historia e vicisitudes do seu invento nos cinco anos que seguiran á concepción teórica do mesmo. Nela lembraba que o primeiro obstaculo fora a "falta de medios económicos; esta carencia de aparatos, máquinas, locales y materiales exprofeso para esta clase de trabajos retardaron mucho mi labor".
Superados estes primeiros atrancos, puidera concentrarse no seu traballo: “Mis primeros ensayos tuvieron como base el conocido método tricromático, que aún es usado en casi todos los procedimientos de fotografía de colores (...) Consistía principalmente mi primer método, en tomar sobre la película cinematográfica, sucesivamente y en orden altemo fotografías seleccionadas, a través de filtros complementarios, rojos, verdes y violetas: por lo que al correrse la cinta en el aparato proyector, reconstituían la escena con sus colores naturales".
Barreiro ofertara este sistema en Madrid ao Dr. Mees, daquela director técnico da casa Kodak, aproveitando o seu paso pola capital en viaxe de inspección, quen lle fixo comprender de para conseguir unha boa proxección dun positivo cos fotogramas filtrados de tres en tres necesitaríase un aparato que puidese desenvolver unha velocidade mínima de 48 fotogramas por segundo (o triple da convencional por entón), cousa que non era viábel como logo comprobou: "Esta dificultad era insuperable, porque no hay máquina que pueda resistir mucho tiempo tal velocidad, ocasionando además una fuerte trepidación, que se reflejaba en la imágenes, molestando la vista del espectador".
A solución que artellou Barreiro foi recorrer a senllas películas negativa e positiva, inventando o tratamento químico ao que debían someterse. Mantiña que deste xeito se acadaba unha reprodución da cor de maior calidade e con menor custo que a presentada polos procedementos existentes como o "Tecnic Color”.
Volvendo a Pontevedra, cuna de Colón, a película defínese nos seus títulos de crédito como "demostración gráfica documentada en dos partes" do nacemento de Colón en Portosanto, no concello de Poio. Unha proposta visual que partía dos argumentos defendidos polo historiador Celso García de la Riega e máis os seus continuadores Enrique Zas, Prudencio Otero Sánchez (autor do libro España, patria de Colón e asesor literario do filme) e Rafael Calzada (publicista e xurisconsulto), e que puido ter un precedente nunha temperá cinta de José Gil, La patria de Colón, datada por García Fernández no 1910. Brevemente, o desenrolo ven ser o seguinte: logo dunha exposición dos argumenos defendidos polos autores xa citados, desfilan unhas vistas dos ríos Alba e Lérez e da cidade de Pontevedra, que preceden ás imaxes dunhas ruínas onde a tradición oral do lugar situaba a casa natal do navegante. A continuación visionamos documentos presuntamente relacionados coa súa linaxe e unha serie de rótulos e mapas que sinalan as coincidencias existintes entre unha serie de topónimos das Rías Baixas —Combarro, Sanxenxo, O Grove, A Toxa, Bueu, Placeres, Loira...— e outros correspondentes a lugares do Caribe "descubertos" por Colón. O conxunto complétase con máis vistas de Vigo, a ría de Pontevedra, a igrexa de San Bartolomé e o mosteiro de Poio, para rematar coa pregunta “¿Es posible seguir dudando de que Colón es gallego?”.
O filme preténdese didáctico e demostrativo, para o cal Barreiro bota man dalgúns enxeñosos recursos —mapas, algún puntual virado en negativo, efectos de lupa— que, xunto aos resultados da última versión do seu procedemento de coloreado, o Bicrom, nalgunhas partes do filme, ben puideron chamar a atención, se ben na súa meirande parte xa viñan de antigo. Cando menos, amosa un certo coidado e elaboración na súa realización que por momentos o afasta dos modos do documental turístico imperante, ben que a cámara non deixa de acusar unha exasperante morosidade e a película unha ortopédica e monótona planificación que se limita a unha alternancia de panorámicas a dereita e esquerda.
Seica a colonia galega en México interesárase polo proxecto e participara na súa financiación. De feito, un primeiro pase de proba tivo lugar na mansión do xa citado Casimiro Gómez —propietario, entre outras cousas, de Aguas del Lérez—, que contaba cun proxector. A recepción dispensada ao filme non só foi imellorábel na súa estrea pontevedresa, tamén coñeceu unha notoria divulgación nos medios escritos e supuxo un forte impulso ás actividades de Barreiro. Como xa acontecera un par de anos antes, o interese polas mesmas e polo filme resultante rebordou o ámbito local ou galego e foi recollido tanto nas páxinas de diarios como ABC e La Vanguardia como en publicacións vencelladas ao mundo da emigración. Acuña recolleu o interese da bonaerense revista Céltiga, que inseriu diversas informacións sobre Pontevedra, cuna de Colón, ao tempo que presentaba a Casimiro Gómez como principal financiador dos experimentos de E. Barreiro co cine en cores.
Logo deste inicial éxito, os irmáns Barreiro intensificarán a súa dedicación ao cinema desde distintas perspectivas (investigación, produción, realización).