
Troubled Times
Troubled Times
- 3 minutos
Videoclip do tema Troubled Times de Green Day, incluído no seu álbum Revolution Radio. A canción é un contestatario berro contra Donald Trump.
- Ano:2017
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Manu Viqueira
- Produtora(s): Warner Bros Music
Troubled Times, la protesta coruñesa de Green Day
Ana Rodríguez
Dende o pasado 17 de outubro, o realizador coruñés Manu Viqueira non deixou de alucinar. Nin de traballar. Aquel día chegaron á súa caixa de correo electrónico dez liñas impoñentes. Asinábaas Devin Sarno, músico supervisor xefe de videoclips da Warner Bros. “Interesaríache facer o próximo vídeo de Green Day?” (...) As súas creacións penduradas en Vimeo (unha rede como YouTube para profesionais) captaron a atención nos Ánxeles dun gurú que traballou con Red Hot Chilli Peppers, Linkin Park, Smashing Pumpkins... Elixiu un mozo dos Mallos, veciño da Cidade Vella, para pór imaxes á guerra anti-Trump que declarou o grupo californiano.
O traballo, feito en colaboración con David Rodríguez Simón, estreouse onte, no día de Martin Luther King, por expreso desexo do grupo. Eran as catro da tarde coruñesas e, polo tanto, os estadounidenses amenceron con Troubled Times, unha marea de ilustracións e imaxes animadas centradas nos dereitos civís, o sufraxismo e o novo presidente norteamericano, elaborado integramente na Coruña. Con mil visionados por minuto dende entón e ducias de comentarios, apunta a polémica. Apenas 16 horas despois da súa estrea, o vídeo xa acumula máis de 1.750.000 visualizacións.
(...) "Realmente a canción estaba relacionada co Bataclan e pedíronme un videoclip sobre a guerra... pero gañou Trump", relata. Así, a intuición de que o resultado electoral afectaría ao encargo que xa tivera cando lle chegou a noticia nun aeroporto filipino, confirmouse ao volver. O grupo de Billie Joe Amstrong decidiu que non se podía deixar pasar esta ocasión: "o tema pasou a dereitos civís, sufraxistas e a vitoria de Trump". A volver comezar.
"Veste preparado?", preguntoulle Sarno cando lle contou a viraxe dos seus plans. Tocáballe falar doutro país, doutra historia... Pensouno. "Con votacións raras síntome identificado", concluíu. Así que tocou estudar, ver cine, ler... e poñerse diante do ordenador. Ao seu lado no proceso estivo David Rodríguez Simón, o seu "guía espiritual". Viqueira encargouse da dirección, dos efectos, da animación ou do guión; e Rodríguez, tamén ilustrador, colaborou co deseño e coa composición.
No resultado final axudou, recoñece, que se atopou con "liberdade total" para dirixir outra cousa, para engadir á lista de sorpresas da súa historia. "Traballei aquí, déronme miles de indicacións, para Green Day viron algo que lles gustou e deixárono nas miñas mans", comenta. É algo moi bo, considera, mais tamén "que te carga de presión", unha "sensación no estómago" que aínda non se lle foi.
"E fliparon!". Volve rir o coruñés, aínda nervioso. Tomou o traballo tan en serio que, en troques de lles mandar un bosquexo, envioulles xa minuto e medio. Eran as catro da mañá e non podía agardar. Así que colleu a bici -adoita rodar de noite- e foi ata a Torre e baixo a súa luz veu no seu móbil un correo dende os Ánxeles do produtor e do grupo, un dos máis importantes da súa vida: "É do mellor que vin en todo o ano. Moitas grazas".
(“Troubled Times, la protesta coruñesa de Green Day”, de Ana Rodríguez, en La Opinión)