Programa 10. Noticiario español (II)
74´. Entrada gratuíta.
Producido polo Departamento Nacional de Cinematografía, este noticiario é o primeiro que obtén regularidade de edición no lado franquista, desenvolvendo o papel de órgano oficial de información do recentemente creado “Movimiento Nacional”. Ao longo dos 18 números editados -sobre un total de 32- durante a guerra, o noticiario traza unha auténtica panorámica da vida oficial na España franquista, con imaxes que permiten facerse unha idea da vida real, incluso a través dos desfiles e conmemoracións. O primeiro número contén noticias de abril e maio de 1938 e o nº 18 relata os últimos días da guerra. A maior parte das noticias corresponden a actos militares e conmemoracións políticas, pero intercalan imaxes como o recitado dun romance popular en Pobra de Sanabria (Zamora), inmerso nun clima tráxico no que as mulleres dunha vila, onde todos os homes están ausentes ou mortos, recitan/cantan unha curiosa versión da canción infantil “Mambrú se fue a la guerra”.
Noticiario Español nº 7. Setembro-outubro 1938
Duración: 11’40”.
Contén as seguintes noticias: plantacións de arroz nas Marismas do Guadalquivir. Escola maternal instalada polo Auxilio Social da Falanxe en Sevilla. Curso de cultura física impartido pola sección feminina da Falanxe en Santander. Festas colombinas en Huelva. Entrada das tropas alemás na rexión dos Sudetes en Checoslovaquia. Recibimento dos Sudetes alemáns a Hitler.
Noticiario Español nº 8. Outubro 1938
Duración: 12’.
Contén as seguintes noticias: escavacións arqueolóxicas da batalla do Alcazarquivir de 1578. Visita da Delegada Nacional de Sección Feminina ao local de Piedralaves (Ávila). Cádiz: Visita de Sancho Dávila (xefe da organización xuvenil da Falanxe) á escola de frechas navais. Escola provincial de mandos en Sevilla. Lanzamento de propaganda con foguetes sobre o centro de Madrid. Imaxes da zona republicana: unha muller fala nun mitin na vía pública. Franco, en presenza dos xenerais Dávila, Millán Astray, Kindelan e Berti, impón condecoracións a militares italianos. Celebración en Burgos da elevación á xefatura do Estado do xeneral Franco asistindo persoeiros civís e relixiosos e representantes italianos e alemáns.
Noticiario Español nº 9. Outubro-novembro 1938
Duración: 13’6”.
Contén as seguintes noticias: mosteiros e sepulcros onde que se gardan os restos dos reis de España. Pilar Primo de Rivera, recibe en Salamanca a Doutora Juta Reiminger, xefa das xuventudes femininas nacionalsocialistas. Celébrase en Bilbao un desfile en conmemoración da ascensión de Franco á xefatura do Estado. Batalla do Ebro: no sector de Gandesa os xenerais García-Valiño e Delgado Serrano dirixen as operacións. Celebración do día da Raza (12 de outubro) no Mosteiro da Rábida (Huelva) e en Zaragoza. Os lexionarios italianos saen rumbo á súa patria desde Cádiz, sendo despedidos polo xeneral Berti e os xenerais españois Millán Astray e Queipo de Llano. A expedición chega a Italia, onde é recibida polo Rei Emperador (Amadeo II).
Noticiario Español nº 10. Outubro-novembro 1938
Duración: 11’20”.
Contén as seguintes noticias: Oropesa: o xeneral Millán Astray impón condecoracións ao xeneral Bartomeu e a outros xefes e oficiais, así como a enfermeiras liberadas do cativerio roxo. Bombardeo republicano sobre Cabra (Córdoba). Conmemoración do primeiro aniversario da liberación. Inauguración do monumento ao tenente coronel Gallego no monte Naranco de Oviedo. Primeira corrida de touros celebrada en Oviedo desde a súa liberación. Burgos: Celebración do 20 de novembro de 1938, 2º aniversario da morte de José Antonio, asistindo Pilar Primo de Rivera, Serrano Suñer e Franco.
Noticiario Español nº 11. Decembro 1938
Duración: 12’40”.
Contén as seguintes noticias: inauguración por Queipo de Llano de vivendas sociais en Sevilla. Albergue de xuventudes da sección feminina. Bilbao, visita do embaixador de Manchukuo. Dionisio Ridruejo visita o campamento de mandos da falanxe en Coca (Segovia). Exercicios de instrución da garda musulmá do xeneral Franco en Burgos. Abandeiramento do pesqueiro armado “Álava” no porto de Pasaxes. Mensaxe de ano novo do xeneral Franco.
Noticiario Español nº 12. Xaneiro 1939
Duración: 13’5”.
Contén as seguintes noticias: barco republicano refuxiado no porto de Xibraltar; o minador Vulcano axexa a súa saída. Pobra de Sanabria: romance popular cantado polas mulleres dunha vila onde non quedan homes. Franco dirixe as operacións na fronte de Cataluña na zona de Pola de Gandella. En zona republicana: imaxes que ilustran as relacións entre a UXT e a CNT en 1937. Celebración tradicional do Nadal en Carbajales de Alba (Zamora). Burgos: o embaixador de Xapón presenta as súas cartas credenciais. Franco acode á celebración do Ano Santo Compostelán.