Curtas de Max e Dave Fleischer
- 75 min.
Modelling (1921).
Tramp, Tramp, Tramp, The Boys Are Marching (1926).
Popeye The Sailor (1933).
Betty Boop's Penthouse (1933).
Betty Boop's Snow White (1933).
I Wished On The Moon (1935).
Musical Memories (1935).
The Mad Scientist (1941).
- Ano:1921-1941
- Países de produción: Estados Unidos
Comentarios á sesión
Ignacio Benedeti Corzo
Os cinéfilos galegos están de noraboa xa que van poder disfrutar dunha das primeiras proxeccións públicas en España dun dos cartoons que é, segundo o noso criterio, un dos tres máis bonitos xamais rodados: Musical Memories (Paramount, 1935); ademais, na mesma sesión, proxectarase Betty Boop's Snow White (Paramount, 1933), obra mestra da animación superrealista, do que se ten escrito que foi o cartoon favorito de Dalí. Ambolos dous traballos débense ó xenio dos irmáns Max e Dave Fleischer, os Estudios dos cales foron, durante a década dos vinte e dos trinta, os principais competidores de Walt Disney.
Os cartoons dos Fleischer deben ser considerados nun diferente contexto que os de Disney, xa que mentres a Walt lle interesaban os debuxos animados como un medio de expresión artística, os Fleischer chegaron á animación debido ó interese de Max na mecánica e na técnica, factor que hai que ter moi en conta para entender a súa traxectoria. Entre os inventos máis destacados de Max Fleischer figuran o rotoscopio (máqui-na que permite trazar sobre papel os movementos foto a foto das persoas, co que se logran debuxos en movemento impresionantemente realistas), o rotógrafo (que proporciono, a principios dos anos vinte, máis flexibilidade ós animadores á hora de combinar a imaxe real cos debuxos animados) e o seu proceso multiplano 3D (costosísimo recurso, empregado en contadísimos cartoons dos anos trinta, que permite a obtención de imaxes con sensación de profundidade por mor da mestura dos cels-follas de acetato transparente sobre as que se debuxan os personaxes- con maquetas). Desde o punto de vista popular, a innovación máis destacable dos Fleischer foi a bouncing ball, en 1924, que consistía nun punto que ía saltando de sílaba en sílaba sobre o texto das cancións que aparecía en sobreimpresión, indicando así ós espectadores do cine que era o que debían cantar e cando tiñan que facelo, acom-pañados, en directo, por un pianista ou orquesta (dependendo da categoría da sala). O éxito desta especie de karaoke primitivo prolongou a súa vida despois do advenemento do sonoro. Antes de perder o control do seu estudio, en 1942, os Fleischer chegaron rodar dúas longametraxes de animación: Gulliver's Travel (Paramount, 1939) e Mr. Bug Goes To Town (Paramount, 1941). Unha pouco ética actuación dos xerifaltes da Paramount despoxou a Max e Dave dos Estudios Fleischer, rebautizados como Famous Studios: despois de ter contribuído durante máis de vinte anos ó desenvolvemento do mundo da animación, os irmáns Fleischer foron apartados dun plumazo e esquecidos tanto pola industria como polo público.
O presente programa, primeiro que o CGAl consagra ós Fleischer, iníciase coa proxección de Modelling (1921), un dos primeiros cartoons da popular serie Out of the inkwell, no que, cunha acertada simbiose de imaxe real con animación, vemos como Koko o clown interrompe a Dave Fleischer na súa tarefa de modelar unha escultura en arxila para un feo cliente. Proseguiremos con Tramp, Tramp, Tramp, The Boys are Marching (1926), temprana mostra experimental de cine de animación con son sincronizado froito da asociación técnica entre Max Fleischer e o Dr. Lee Forest. Popeye The Sailor (1933), a terceira curtametraxe da sesión, conta co interese histórico de ser a primeira aparición en pantalla do que logo sería unha das principáis estrelas da casa. O programa continúa con Betty Boop's Penthouse (1933), no que vemos como Koko crea unha poción que fai medrar a unha especie de monstro de Frankenstein que vai en busca da vampiresa Betty Boop ó seu ático. Seguidamente, unha das obras mestras do cine de animación superrealista: Betty Boop's Snow White, cartoon que na actualidade é obxecto de culto non só polos entusiastas do cine máis discernentes, senón tamén polos aficionados ó jazz debido á banda sonora de Cab Calloway (os seus movementos, por certo, aparecen rotoscopiados na figura do pantasma). Betty Boop's Snow White é unha peculiar adaptación sobre o conto de Branca Neves tan chea de imaxes locamente superrealistas que é imposible de dixerir con só unha ou dúas proxeccións. Trátase, en suma, dunha obra mestra do cine de animación de visión obrigada para tódalas persoas, e non só para os cinéfilos. A sesión prosegue con I Wished On The Moon (1935), como exemplo típico dos cartoons musicáis coa referida bouncing ball.
O penultimo traballo, xa en Technicolor -aínda que só de dous negativos, posto que a exclusiva do de tres seguía en mans de Disney- é outra obra mestra do cine de animación: Musical Memories (1935) cunha emotiva trama que plasma como un matrimonio anciano lembra diversos momentos da súa vida mentras ven as súas fotografías familiares a través dun visor estereoscópico. Con abundantes backgrounds que se serven do particular proceso multiplano 3-D dos Fleischer, anteriormente descrito. Musical memories é unha palpable mostra de que no mundo da animación non hai que mirar cara adiante na procura de marabillas artísticas, senón cara atrás, ata remontarse ós clásicos dos anos trinta e coarenta. A proxección conclúe con The Mad Scientist (1941), primeiro cartoon da serie Superman e que gañou unha nominación ó Oscar.
Tódolos títulos que compoñen a serie Superman constituiron un gran éxito na súa época,destacando pola súa sofisticada animación e peculiares encadres. O «look» de Superman é lixeiramente diferente do ac-tual, cun emblema distinto sobre o seu peito e uns pantaloncinos ou calzóns certamente menos sexis.