FESTIVAL FREAKEMACINE
Do 17 de setembro de 2013 ao 31 de outubro de 2013
En colaboración co Freakemacine. Festival de Sci-fi e Fantástico (A Coruña).
Quinta edición dun festival especializado, Freakemacine, certame de cine de ciencia-ficción, de terror e fantástico organizado na cidade da Coruña. Xunto a un histórico indiscutible desta práctica fílmica, o italiano Mario Bava (1914-1980), do que se proxecta un título rexo e influínte, La máscara del demonio (1960), circunstancia que permite presentar o seu estudo monográfico publicado para a editorial Cátedra polo experto Carlos Aguilar; segue a recuperación de clásicos e legado vinculado ao cine español de xénero, a profundar en diversos aspectos: unha aproximación á longa tradición de intérpretes españois de reparto no cinema de xénero (o documental Contra el tiempo); un videodiario, A ritmo de Jess, tributo a Jesús Franco (1930-2013) coa súa derradeira película, Al Pereira vs. Alligator Ladies, como coartada; un filme da última edición de Sitges, Buenas noches, dijo la señorita Pájaro, partícipe do giallo e moi capaz de mesturar diversas tradicións. A presenza foránea vén dada pola comedia, premio ao mellor guión en Sundance, Safety Not Guaranteed, a parodia británica de andazos como Invasión Zombie e un maxistral título recente de William Friedkin, o lendario e inspirado autor de Contra el imperio de la droga e El exorcista, a negra e recomendable Killer Joe. O ciclo complétase coa proxección, en dúas sesións, das curtametraxes que compiten polo premio do festival.
Agradecementos: Ferrán Herranz, Diego López, Carlos Aguilar, Óscar Fernández, Antonio Mayans, José Manuel Serrano Cueto, César del Álamo, Raúl Artigot, María Kosty, Naxo Fiol, David Rubín, Syfy, Gadis, Víctoria Bernal, EGEDA, Ana Cadahía, Video Mercury, Cristina Bernáldez, Petri Serrano, Filmoteca Española.