CGAI Júnior
Do 1 de outubro de 2009 ao 31 de outubro de 2009
Coa sección CGAI júnior regresa a programación mensual dedicada aos máis pequenos. Desde outubro a decembro ofreceranse catro películas animadas, que posuirán diferente perspectiva, técnica, nacionalidade e temática, intentando outorgarlles aos máis pequenos un mundo cheo de experiencias e sensacións enriquecedoras. A película deste mes, James y el melocotón gigante (1996) de Henry Selick, está recomendada para nenos a partir de 5 anos.
Nun momento onde as imaxes posúen un enorme protagonismo e os rapaces achéganse maioritariamente a elas a través de ámbitos como a televisión, internet ou os videoxogos, propóñense outros camiños que poidan revelar novas emocións ao tempo que o pracer de compartilas con outros novos espectadores na mesma sala: achegarse ao cine no cine. A través da diversidade do cine, de películas divertidas, serias ou emocionantes os rapaces descobren momentos da nosa historia, inícianse na lectura das imaxes, viaxan por outros horizontes, divírtense… e aman o cine!
Con cada película entregarase unha ficha didáctica para realizar no ámbito familiar. A entrada é gratuíta.