Lucrecia Martel
Do 1 de xuño de 2009 ao 30 de xuño de 2009
A cineasta arxentina Lucrecia Martel (Salta, 1966) é autora de tres películas onde amosa a súa capacidade como sutil e intelixente escrutadora do horror cotián. Coa excelente recepción que observa La ciénaga (2001) no festival de Berlín de 2001, Martel xa amosa as liñas e trazos fundamentais polos que fluirá con rigor o seu traballo: a (perversa) relación co son facilita sempre un desasosego extremo e persistente; o desencadre medido funciona como figura estilística; o clima de cárcere visual con planos pechados e asfixiantes moldea auténticas xeografías de corpos; os personaxes constitúen un putrefacto catálogo de relacións suxeridas que deixan paso á inquietante prevalencia da palabra. De maneira asombrosa, como cineasta superdotada Martel xoga as súas bazas en todos os terreos expresivos sobre os que o cine crea (imaxe, texto, son). As súas seguintes películas, La niña santa (2004) e La mujer rubia / La mujer sin cabeza (2008) son producidas parcialmente por un sagaz Pedro Almodóvar moi capaz de captar o seu punto de vista moral desconcertante e o trasfondo de (proveitoso) misterio que preside a nosa existencia máis banal e mesmo doméstica. A autora prepara na actualidade unha adaptación do clásico do cómic arxentino, “El Eternauta”.
Agradecementos: Begoña Alonso.