Happy together. Cine e culturas pop
Do 1 de xullo de 2008 ao 31 de xullo de 2008
O CGAI organiza un ciclo complementario ao seminario “Happy Together. Cine e culturas pop”, coordinado polos escritores cinematográficos e docentes Antonio Weinrichter e Josep Lluis Fecé. A primeira longametraxe de Iván Zulueta, un título biográfico sobre o mítico vocalista de The Clash Joe Strummer, unha aproximación á movida viguesa posfranquista acompañan aos documentais musicais sobre The Clash e The Who e os traballos de Harry Smith. O seminario abordará, coa intervención de coñecidos críticos e especialistas como Quim Casas, Jordi Costa, Ignacio Gallego ou Jesús Palacios, cuestións como o cine pop, as prácticas máis experimentais asociadas, as identidades culturais que se entrelazan a partir de certas prácticas artísticas, o videoclip e as bandas sonoras ou correntes cinematográficas como os documentais musicais rock e as comedias musicais da década dos 50.
“Cando Ricciotto Canudo definiu, a principios do século pasado, o cine como “sétima arte”, fíxoo pensando na relación do novo medio co que poderiamos denominar artes do ritmo e do movemento: a danza e a música. Desde entón, a relación cine e música formulouse, polo menos desde certas perspectivas estéticas, desde a especificidade ou a “artisticidade” do primeiro; aínda son moitos os pensadores e creadores que pensan o cine como arte a condición de que se afaste dos modelos narrativos do cine clásico. Así, en numerosas ocasións, a relación cine-música formúlase desde a defensa da experimentación formal, da relación do primeiro coas vangardas históricas ou desde os actuais debates sobre o cine no museo. Por outra banda, o discurso cinéfilo dedicoulle moita atención á música de cine; é dicir, á banda sonora. Todos estes enfoques deron lugar a traballos, sen dúbida, estimulantes e en non poucas ocasións, a textos que podemos considerar pertencentes á Historia da Teoría Cinematográfica.
Aínda que tal vez non recibise atención suficiente por parte dos especialistas, é indiscutible que o cine e as músicas populares xogaron (e xogan) un papel importantísimo á hora de definir e construír os procesos identitarios contemporáneos. Desde este punto de vista, a relación cine-música xa non se formularía desde o terreo estético, senón máis ben desde o sociocultural. O curso “Happy Together. Cine e culturas pop” interésase polas formas en que o cine se encargaría de mostrar ou de documentar algúns deses procesos identitarios - desde as contraculturas ata o punk, pasando pola nostalxia - e tamén polas complexas relacións entre a cultura popular e a vangarda ou a experimentación”.
Josep Lluis Fecé e Antonio Weinrichter.
Agradecementos: Tamara Blanco, Xosé A. F. Holgado, Carlos Méndez, Alfonso Pato, José Luís Borau, Cristina Bernáldez, Filmoteca Española, In-Edit, Rosa Arrredondo.