The Master
Paul Thomas Anderson, 2012.
144'. 35 mm. Subt. castelán.
THE MASTER
(Estados Unidos, 2012)
Dirección e guión: Paul Thomas Anderson. Produción: The Weinstein Company, Ghoulardi Film Company e Annapurna Pictures. Fotografía: Mihai Malaimare Jr.
Intérpretes: Joaquin Phoenix, Philip Seymour Hoffmann, Amy Adams. Duración: 144 minutos.
A historia de dous homes, Freddie Quell (Joaquin Phoenix), un veterano da II Guerra Mundial perdido e vulnerable, alcoholizado e violento, e mais un predicador e psicoanalista, Lancaster Dodd, arrogante e carismático alter ego de L. Ron Hubbard, fundador da Igrexa da Ciencioloxía, serve a Paul Thomas Anderson para cubrir coa súa vocación coral e entomolóxica outro treito da historia dos Estados Unidos, logo da chegada do capitalismo en Pozos de ambición ou os anos 70 en Boogie nights. Unha película sutil e intensa, moi libre, rodada en 65 mm, a máis enigmática de todas as realizadas por Anderson, con mudanzas de ritmo e unha elaborada convivencia do clásico e do moderno, do expresionismo ao documental de traumas posbélicos Let there be Light de John Huston. Anderson sempre está máis preto de Malick que de Altman ou Kubrick. Tres nominacións ao Oscar (o trío de actores protagonista) e premio FIPRESCI en Venecia 2012.