Les rendez-vous de Paris
Eric Rohmer, 1995
94'. 35mm. Subt. Castelán. Presentación. Entrada de balde
Les rendez-vous de Paris
(Francia, 1995)
Dirección e guión: Eric Rohmer. Fotografía: Diane Baratier. Intérpretes: Clara Bellar, Antoine Basler, Mathias Mégard, Judith Chancel. Dur.: 94'.
Les rendez-vous de Paris (1995) é un relato de tres episodios cotiáns de amor e desamor. De enganos e desenganos despoxados de todo dramatismo romántico. Rohmer case na posición do entomólogo móstranos os personaxes no seu hábitat parisino.
Xa dende a súa primeira longametraxe, Le signe du Lion (1959), aparece paisaxe urbana en transformación nun ton propio do documental. A paisaxe non é un pano de fondo, senón máis ben o contrario. Antóllasenos o discurso de Rohmer, na súa lixeireza e no seu cotián, coma unha posta en escena cuxo fin último é a descrición dunha sociedade vinculada a unha paisaxe en vertixinoso cambio.
Les rendez-vous de Paris recolle o ronsel das longametraxes agrupadas na serie Comédies et Proverbes (1981-86) en que os protagonistas reais son as paisaxes de Paris, as novas cidades de Marne la Vallée, Cergy Pontoise, Le Mans ou Normandie.
O precedente desta serie habería que encontralo nos documentais como Nadjia à Paris (1964), Méthamorphose du Paisage (1964), e sobre todo Villes Nouvelles (1975), en que Rohmer nos aprende a ver as novas paisaxes metropolitanas, as grandes infraestruturas en construción, na súa beleza descarnada.
A filmografía de Rohmer é, por tanto, un documento imprescindible para entender unha sociedade e mais as paisaxes que produciu. Baixo a súa ollada atenta aprendemos a recoñecer, a valorar e a xulgar as metamorfoses da paisaxe contemporánea.