
La reconquista
Jonás Trueba, 2016
108'. DCP
La reconquista
(España, 2016)
Dirección e guión: Jonás Trueba. Fotografía: Santiago Racaj. Intérpretes: Itsaso Arana, Francesco Carril, Aura Garrido, Pablo Hoyos, Candela Recio. Dur: 108’.
Cuarta longametraxe de Jonás Trueba, en que segue a explorar os terreos do namoramento e a pasaxe do tempo, presentes desde a súa ópera prima Todas las canciones hablan de mí (2010). Manuela e Olmo reencóntrase logo de quince anos sen se veren, cando na adolescencia ambos os dous experimentaran entre eles o seu primeiro amor. Confrontados ás súas aspiracións pasadas e postos ante o espello do presente, vagan por Madrid buscando reconectar, ou poida que simplemente procuren a súa dose de nostalxia.
A película sorprende cun segundo acto en que Olmo é sutilmente interrogado sobre o encontro pola súa compañeira actual, e el, canso pola noite de troula, sucumbe a un fondo sono que devén viaxe ao pasado. É aquí, nestes xogos entre tempos, onde o filme explora a súa vertente máis literaria, unha influencia que se fai notar en todas as pezas do madrileño. Tamén é interesante apreciarmos como a filmación de música en directo, tamén relevante e central desde Canciones e a desculpa para rodar Los exiliados románticos (2015) con Tulsa, captura aquí a arte dun recuperado Rafael Berrio, cantautor que pon a banda sonora. Amais, a fita conta cunhas excelentes interpretacións dalgúns dos actores novos máis estimulantes do panorama español: Arana (Las altas presiones), Carril (Los ilusos) e Garrido (El ministerio del tiempo) dotan de peso e veracidade a nova obra de Trueba.