
La princesa de Francia
Matías Piñeiro, 2014
70'. DCP.Presentación: M. Piñeiro
La princesa de Francia
(Arxentina, 2014)
Dirección e guión: Matías Piñeiro. Fotografía: Fernando Lockett. Intérpretes: Julián Larquier Tellarini, Agustina Muñoz, Alessio Rigo de Righi, María Villar, Romina Paula, Laura Paredes. Dur: 70'.
A secuencia inicial desta película non só é memorable e absolutamente xenial, senón que ademais dá conta dun manexo escénico e coreográfico maxistral: nunha cancha de fútbol 5, filmada dende algún balcón porteño e con música de Schumann, ábrese paso a terceira shakesperiada de Matías Piñeiro. Con axuda do gran ollo de Fernando Lockett e unha impresionante dirección de actores, a materia prima teatral transfórmase no puro cine ao que o director nos ten afeitos. Piñeiro leva ao extremo tanto as súas personaxes como a narración, e convídanos a armar o crebacabezas da vida amorosa de Víctor, que acaba de chegar a Bos Aires dende México e vese rodeado por unha serie de mulleres: a moza, a exmoza, a amiga, a amante, etc. O libre traballo sobre unha serie de comedias shakesperianas, as referencias musicais e pictóricas –alí está o cadro de William A. Bouguereau que dá título ao filme–, os elementos radiais e a lucidez dun gran orquestrador dan como resultado unha película que transcende toda referencia e asume un selo propio. (Violeta Bava, BAFICI)