Toro salvaje
Raging Bull
Robert De Niro, Joe Pesci, Cathy Moriarty
- 129 minutos
En 1964, un home maduro, Jake La Motta, actúa como animador nun club nocturno. En 1941 asistimos a un dos seus combates como boxeador profesional. Chegará a ser campión do mundo ao tempo que mantén unha relación complexa e chea de dor e tormento co irmán e coidador, Joey, e coa segunda muller, Vickie.
A insistencia dun actor en estado de forma e na procura de novos retos, Robert de Niro, vai proporcionar a Martin Scorsese, recente o éxito de Taxi Driver (1976), mais nun momento persoal e profesional delicado, un dos seus filmes máis recoñecidos. A partir da autobiografía do autodestrutivo boxeador italoamericano Jake La Motta (1922-2017), icona dos anos 40/50 do século pasado (e asesor técnico na filmación), e coa sagaz intervención no guión dun compañeiro de pecados e redencións como é Paul Schrader, o autor deseña un relato en branco e negro que se arreda dos modelos narrativos, efecto postRocky, propios dos títulos de boxeo da moda de finais dos anos 70; constrúe con rigor un filme de estrutura cíclica, que canaliza a fisicidade e a predisposición metafísica do seu cine, e elude tanto os usos do biopic coma os do cine deportivo. Con resonancias de filmes de Hathaway, Polonsky ou Rossen, asistimos a unha narración complexa e depurada, un violento lirismo froito do traballo dun equipo engarzado e xenial (Joe Pesci, Michael Chapman, Thelma Schoonmaker, Cathy Moriarty ou Peter Savage), cunha banda sonora excepcional e unha cámara que, por exemplo, non abandona o ring nas escenas de combate. A experiencia aparece enmarcada nunha longa rodaxe (os cambios físicos reais do personaxe: de Niro engordando máis de 20 quilos nunha pausa de 4 meses) e obtén unha excelente recepción posterior, mesmo con premios, desde Óscars (ao actor, á montaxe) ao Oso de Prata en Berlín, Bafta, Globos de Ouro ou galardóns varios da crítica.
A copia restaurada deste título considerado clásico está aprobada e supervisada por Martin Scorsese e a súa montadora habitual, Thelma Schoonmaker, e permite a reestrea da película grazas a Lost and Found e Park Circus. Este novo máster creouse en resolución 4K nun escáner Lasergraphics Director a partir do negativo orixinal de cámara en 35 mm. A banda sonora orixinal en surround 2.0 remasterizouse dende o soporte magnético de tres pistas en 35 mm.
- Ano:1980
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Paul Schrader, Mardik Martin; autobiografía Jake LaMotta, un libro de Peter Savage e Joseph Cartere
- Fotografía: Michael Chapman
- Montaxe: Thelma Schoonmaker
- Produtora(s): Irwin Winkler e Robert Chartoff para United Artists