Sociedade Amigos do Campo
- 50 minutos
" Toda imaxe de efémera felicidade acaba por amosar o seu contraplano: do outro lado axexa o desacougo. A Sociedade de Amigos do Campo, tamén coñecida como Amantes do Campo, realizou unha serie de películas das excursións que fixeron por Galicia ao longo dos anos 20 e 30 do século pasado. Na súa condición de filmes amadores, recollían momentos de lecer afastados de toda idea de angustia ou conflito, mais un visionado atento pode descubrir significados novos e achados inesperados. Cómpre entón botar man de certos títulos de directores como Ingmar Bergman, Chris Marker ou Andrei Tarkovski, que tamén souberon ver máis alá da ledicia dos días que van quedando no pasado. A pescuda nos filmes antigos contribúe a coñecermos mellor como nos relacionamos coas imaxes de hoxe en día. Fronte ao execeso visual dos nosos tempos, esta ollada limpa que se deixa fascinar polo simple devir do real condúcenos cara a beleza do cotián. Como tamén nos permite contemplar a complexidade duns filmes que, sendo tan aparentementes sinxelos e mesmo formalmente descoidados, nos falan de como as imaxes retratan momentos, lugares, persoas, xestos e actitudes."
Fernando Redondo Neira, Os amorodos de Bergman (Ed. Galaxia, 2019)
-
Pensando en cine / Pensando en Galicia
Sociedade Amigos do Campo
Presentación do libro "Os amorodos de Bergman", con Antón Reixa e o autor, Fernando Redondo Neira. Entrada gratis
- Ano:1934
- Países de produción: España
- Produtora(s): Sociedade Amigos do Campo
Os amorodos de Bergman. Introdución
Fernando Redondo Neira
O espectador medio de hoxe en día móvese nunha contorna de imaxes en constante circulación, mutación, fragmentación. Vive nun ollar fascinado que o esgota, que a penas lle deixa terreo para a pausa, para unha mínima reflexión sequera sobre o que está a ver ou o que está dando a ver. Sen tempo xa para nada, este espectador atópase sometido a un ritmo acelerado no consumo do audiovisual, mergullado na hipertrofía da iconosfera, ese universo das imaxes que non deixa de medrar, que se expande ao seu redor e polo que se deixa engulir, pois tamén participa, dun xeito progresivamente máis activo, da súa ininterrompida reprodución. Vivimos na opulencia e o tránsito rápido dunha imaxe a outra, como teñen observado Lipovetsky e Serroy. E pois que formamos parte integrante, e conformante, deste mundo paralelo das imaxes, corremos o risco de contraer un xeito de cegueira que nos deixe orfos dalgunhas cousas esencias do noso existir. Por iso é tanto máis relevante o achado dese corpus fílmico que leva o nome xenérico de Amigos do Campo, unhas cen películas de un minuto de duración, rodadas entre 1924 e 1934 e que foron dadas a coñecer polo Centro Galego de Artes da Imaxe en 2011.
Da Sociedade Amigos do Campo sabemos que se trataba dun grupo excursionista creado na Coruña. O seu interese polo rural, e moi especialmente pola paisaxe, reflíctese nas peliculas que teñen filmado nas viaxes que os levaron ás catro provincias galegas, se ben, na súa maioría, os filmes conservados corresponden na súa maioría a excursión feitas pola comarca de Ferrolterra. Sabemos tamén que ao cargo da cámara, unha Packard de 9,5 mm., estaba Alfonso Piñón, correspondente do xornal El Pueblo Gallego, quen fora, asaimesmo, o principal promotor do Monumento ao Camiñante Descoñecido na parroquia ferrolá de Barallobre, inaugurado o 1 de xullo de 1934, acontecemento que tamén quedou rexistrado polo seu tomavistas. Máis coñecidos son pola súa relevancia social e histórica outros integrantes desta sociedade da alta burguesía, de probada querencia cultural e paisaxística: o veterinario Rof Codina; Xaime Quintanilla, o que fora primeiro alcalde republicano de Ferrol e logo represaliado nos primeiros días da guerra; Felipe Bello Piñeiro, o daquela afamado pintor; ou Santiago Montero Díaz, bibliotecario e político de activa militancia nos anos da república, mais dunha traxectoria errática que o levaría finalmente a Falanxe.1
Non pode desvincularse a actividade da Asociación dos Amigos do Campo, entre as que, por suposto, hai que incluír o feito de ter rexistrado no celuloide as súas excursións, doutras iniciativas que nas primeiras décadas do século XX manifestan este interese por coñecer mellor o país, ben certo que dende postulados de moi diversa consideración, mais todas con esta arela común de achegarse ao propio cunha mesma actitude de, cando menos, curiosidade, observación e posta en valor. Nun plano xeral, habería entón que mencionar o Seminario de Estudios Galegos, a Misión Biolóxica de Galicia ou as Irmandades da Fala. No primeiro que mencionamos aquí sabemos que colaborou Xaime Quintanilla e no segundo Rof Codina, ambos participantes, á súa vez, nas saídas dos Amigos do Campo. Logo, se pechamos o foco sobre un marco máis acaído ao noso obxecto de atención, xa imos dar cos Amigos da Paisaxe, entidade promovida polo xa mencionado Felipe Bello Piñeiro, destacado pintor paisaxista da comarca de Ferrolterra, e figura importante para seguirlle o rastro ás filmacións feitas por Alfonso Piñón.
Malia responder a un sistema fílmico de aparente sencillez, baseado nun simple mostrar e contemplar, os filmes dos Amigos do Campo tamén conforman unha mesta capa de complexidade na que se manifesta un certo proceder ambivalente. Por unha parte, é posible recoñecérmonos nunha actitude de apropiación, pois, a pesares da súa primitiva maneira de entender o cinema, agroma aquí esa pulsión tan dos tempos nosos por rexistrar refachos do real que o devir acabará por facer desaparecer. Identificamos aí, ademais, esa fascinación polo que a pura realidade nos pode ofrecer, que tamén hoxe volve con forza e que invade, de forma diversa pero omnipresente, unha oferta audiovisual que gusta de recrearse nos feitos da cotidianeidade e mesmo nos recantos do íntimo, estimulando así no espectador un identificarse no outro, que, ao cabo, é un coma min. E ao contrario, vistas hoxe, o minimalismo no tocante a temas, formas e procedementos destas películas resulta certamente estraño, alleo aos hábitos de consumo audiovisual actuais, sometidos, como adiantamos xa, a esta ansiedade escópica na que calquera acontecer do que participemos parece precisar do correspondente rexistro visual que haberá que transmitir inmediatamente. Mais, cómpre insistir, estas pezas, paradoxalmente, constitúen tamén un rexistro do cotián, do próximo, do familiar, como o son as que facemos agora, só que se trata dun rexistro máis repousado e meditado; repousado, ademais, para o destinatario final, que non sufría, naquela altura, do mal da dispersión do que hoxe adoecemos por mor das redes sociais e da dependencia de cantos trebellos nos permiten unha conectividade permanente e mesmo esclavizante; un rexistro, se cabe, máis consciente, no sentido de estar certos de que recollen momentos memorables, anacos dun vivir que deben ser preservados para o futuro pois, ao seu través, podemos seguir un rastro posible de felicidade.
Para quen estea disposto a desprenderse da frenética maneira actual de relacionármonos coas imaxes, coas do cotián que nós mesmos fabricamos e coas do espectáculo hipnótico que nos chega da oferta cinematográfica e televisiva dominante, mergullarse no material fílmico dos Amigos do Campo representa unha sorte de terapia visual. Xunto coa promesa dunha viaxe ao primeiro cuarto do século pasado, permiten tamén unha regresión vivificante a un modelo de espectador dotado dunha mirada limpa; unha mirada, si se quere, inxenua, pero provista desa inocencia de quen parece estar ollando o mundo por primeira vez. Para quen nos tempos actuais estamos afeitos a ver todo tipo de cousas nas pantallas, que xa semella que non queda nada por ver, nada que poida sorprendernos e, xa non digamos, nada capaz de levarnos a un eido de pensamento, asulagados como estamos nunha iconosfera altamente contaminada e paralizante; para os tempos da opulencia e a sobreexcitación visual nos que estamos, estes materiais solicitan de nós a actitude dos espectadores primeiros do cinema, para así descubrir que é posible recuperar a emoción experimentada por quen asistiu ás exhibicións dos Lumière.
Ben é certo que nos anos nos que se fixeron estas filmacións, o cinema xa se tiña alonxado moitas leguas do momento primixenio alumeado, valga o xogo de palabras, polos Lumière; que as paradas militares, as chegadas de trens, as saídas de obreiros ou calquera outra das chamadas, por aquel entón, “vistas” dos inventores de Lyon, axiña cansaron aos espectadores. O cinema evolucionou rapidamente cara estruturas e formas narrativas cada vez máis complexas e, comunicativamente, máis eficientes. Mais o xesto Lumière, tal como debemos nomealo aquí, mantivo o seu engado, retivo ese efecto de verdade que nos fai ver e recoñecer o que vemos; unha idea certa, recoñeciblemente certa, de tempo e de espazo dispostos para a pantalla cunhas doses tales de perfeccionamento, no que atinxe á reprodución do mundo visible, como non se tiña acadado nunca antes. O cinematógrafo chegara a Galicia da man do fotógrafo francés instalado na Coruña José Sellier e doutros pioneiros, exhibidores e tamén realizadores, que lle foron dando feitío ao desenvolvemento da sétima arte neste país, mais Lumière segue entre nós. A mirada fundadora das imaxes en movemento, a que non fai máis, nin menos, que revelar, en todos os posibles sentidos da palabra, a vida no seu devir cotián é a que se nos amosa, espida de artificios, neste corpus visual dos Amigos do Campo.
Unha película que non chega a un minuto de duración, uns poucos planos dun grupo de persoas que se xuntan para visitar un lugar de interese paisaxístico: con tan aparente pouca cousa abonda para afondar nos moi diversos sentidos que é capaz de espallar a imaxe en movemento. Emerxen aquí as conexións que poden establecerse cun universo de significados que nos conduce cara unha novidosa maneira de estar no mundo e de relacionármonos con el, de separarnos un tanto dese mundo para poder observalo e dalo a observar, e que se pode estudar a través da idea de modernidade, ou que pode abordarse seguindo o rastro da implantación do turismo como actividade viaxeira guiada polo pracer elemental de viaxar. O mero feito de interactuar coa cámara, sexa do lado de quen a opera ou de quen se sitúa diante do obxetivo, xa supón un determinado comportamento dirixido a crear un rexistro do presente para unha revisitación futura. Implica traballar cun artefacto creador de memoria, pois, finalmente, as imaxes que dalí se desprenden son, antes que nada, pegadas do momento vivido, lembranzas verdadeiramente materializadas, recordos dispostos para o seu consumo e desfrute no porvir. Observar o máis cercano pero dende unha determinada distancia, mirar e saberse mirado, apropiarse daquilo que recollemos para logo mostralo na pantalla: son outros tantos elementos que irán saíndonos ao paso ao analizar os filmes dos Amigos do Campo e, nomeadamente, que non resulta doado abordar por separado, xa que cadanseu trazo dos aquí expostos se explica en relación cos outros.
Na sinxeleza destes rexistros fílmicos atópase acubillado, tamén, o xerme de temas, argumentos, motivacións ou desenvolvementos de ficcións, e non ficcións, que procuraron ao longo da historia do cinema unha representación desta felícidade efémera, destes instantes de plenitude que a vida regala e logo desaparecen, deixando as trazas dunha melancolía que, asemade, xa se anunciaba naquela experiencia inicial de gozo. Este é o atributo esencial que caracteriza o núcleo da célula cinematográfica que estes filmes repesentan. E tal como ben demostra esta reflexión encol deste corpus fílmico, calquera cuestión que se aborde nos conduce sempre ao mesmo: a conciencia do tempo, a do seu gozo e as sús feridas. Por iso, probablemente, se deixe ver de xeito tan doado, mais hoxe fálase da poliédrica natureza do audiovisual que fai que se espalle cara territorios diversos da realidade, pois como ten afirmado Christian Metz, incansable estudoso dos mecanismos significantes dos filmes, o que chamamos cine non é só linguaxe cinematográfica en si. Son tamén mil significacións sociais e humanas que se forxaron noutro ámbito da cultura, pero que tamén aparecen nas películas.
1 Na biografía que lle adicou o historiador Núñez Seixas pode verse unha foto de grupo onde aparecen, entre outros, Montero Díaz e o cineísta-filmador dos Amigos do Campo, Alfonso Piñón. Ver: Xosé Manuel Núñez Seixas, La sombra del César. Santiago Montero Díaz, una biografía entre la nación y la revolución, Granada, Comares, 2012.