Sanz y el secreto de su arte
- 65 min.
O ventrílocuo Francisco Sanz presenta o seu espectáculo de bonecos autómatas, aos que dá movemento e voz, co que os dota de personalidade propia. Sucédense os números cómicos e tras cada un, Sanz mostra á cámara os complexos mecanismos que os seus personaxes agochan tras unha aparencia case humana. A continuación o seu autómata máis famoso, Don Liborio, protagoniza unha historia de celos que o levará a separarse da compañía e volver á súa vila natal. Alí entre os personaxes reais vivirá diferentes situacións agasallado polos seus paisanos.
Francisco Sanz (1872-1939) foi un famoso ventrílocuo valenciano que triunfou nos escenarios do mundo todo nas primeiras décadas do s. XX co seu espectáculo de ventriloquía. Empregaba bonecos de tamaño natural, en realidade autómatas de gran realismo, animados por complexos mecanismos no interior deseñados por el mesmo, que actualmente se conservan no Museu Internacional de Titelles d’ Albaida. En 1918 decidiu facer un documental que mostrase polo miúdo a súa técnica para ser exhibido como complemento das súas representacións teatrais. Para iso chamou a Maximiliano Thous (1875-1947), xornalista e dramaturgo, que iniciaba naqueles anos a súa andaina cinematográfica. O resultado foi unha película certamente insólita, tanto polo tema como pola convivencia entre documental e ficción, que ofrece nunha primeira parte unha reportaxe sobre o espectáculo de Sanz e o funcionamento dos autómatas e acaba cunha historia de ficción interpretada polos bonecos mesturados con persoas reais.
RECUPERACIÓN E RESTAURACIÓN: En 1995 os descendentes de Francisco Sanz doaron ao IVAC as copias que conservaban da película xunto a un folleto promocional do filme que contén datos fundamentais sobre o mesmo. Os materiais consistían en dúas copias incompletas do filme, anacos de seis copias máis e un gran número de descartes de imaxe e de intertítulos, o que implicou un exhaustivo traballo de identificación e reconstrución e, desde o punto de vista técnico, solucionar as grandes diferenzas de contraste fotográfico que presentaban as imaxes. O rescate e difusión desta película sorprendente, unha rareza que se proxectou nun bo número de festivais e filmotecas, propiciou o recoñecemento actual da figura de Francisco Sanz.
Copia con acompañamento ao piano de Arcadi Valiente.
-
As Filmotecas presentan...
Sanz y el secreto de su arte
Versión lingüística:MudaFormato:DCPEntrada de balde
- Ano:1918
- Países de produción: España