
Salvaxe, salvaxe
- 86 min.
«Cheiras iso?» A cámara entra nos montes de Galicia e do norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. Estas imaxes afástanse da representación de pureza virxinal asociada ás paisaxes naturais do noroeste da Península Ibérica. Son conscientes do intenso modelado da acción humana. Ser unha criatura salvaxe aquí é ser salvaxe asediado. SALVAXE, SALVAXE rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico xunto a un equipo de investigación universitario. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.
Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os lindes entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. A crise perceptiva xerada por esas dualidades dilúese no recoñecemento da fluidez dos ecosistemas: toda a materia que somos é e será doutras criaturas. SALVAXE, SALVAXE busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontros (con lobos). Un filme que non elude as implicacións de tomar rexistro do salvaxe, que habita a contradición e afina o instrumento cinematográfico, ético e político que produce imaxes para re-habitar o mundo.
SALVAXE, SALVAXE é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada á cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.
-
Off Galicia
Salvaxe, salvaxe
Versión lingüística:VOSGFormato:DCPPresentan: Emilio Fonseca Martín e Xiana do Teixeiro.
-
- Ano:2024
- Países de produción: España
- Guión: Emilio Fonseca Martín, Xiana do Teixeiro
- Fotografía: Emilio Fonseca Martín
- Montaxe: Emilio Fonseca Martín
- Produtora(s): Walkie Talkie Films
-
Defensa poética de la huella (y de la supervivencia) del lobos
Fernando Bernal (Cinemanía)
Trailer
VO
Notas do director
Emilio Fonseca
Con SALVAXE, SALVAXE quixen facer unha película para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida. Vivimos xuntos/as no planeta, estamos xuntos/as nisto. Tamén quería cuestionar a maneira en que entendemos e tratamos a vida salvaxe. Empecei o proxecto como un documental sobre os lobos do noroeste ibérico, entrevistando a xentes que tiveran contacto con lobos, gandeiros, investigadores. Axiña me dei conta de que non quería facer outra reportaxe sobre os danos á gandería, as medidas de protección do gando e a chamada “xestión” do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar. Tampouco busquei un “típico documental de natureza” no que se espectacularice o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Vivimos nun mundo en colapso ambiental, ao bordo dunha catástrofe climática e no medio dunha extinción masiva de especies, a máis rápida que existiu no planeta e a única que ten unha soa especie como gran responsable. Non me parece interesante discutir se hai que conservar ao lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para min é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica.
Para achegarme aos lobos tiven a fortuna de acompañar a científicas investigadoras e tamén a unha pequena cadela que atopamos atropelada nun día de rodaxe preto das Fragas do Eume e coa que, desde entón, formo familia e manda. No traballo de guión e desenvolvemento quixemos que a película tomase forma de cinema-rastrexo: un proceso co que empeza o traballo científico (e que compartimos con moitos animais), mediante o que temos que interpretar a contorna, buscar indicios e significados no que nos rodea. Queriamos fomentar unha aprendizaxe da paisaxe gozosa, sensual e inmersiva na audiencia, espertando os sentidos do noso eu animal para penetrarnos, aos poucos, nunha reflexión máis teórica. Queriamos mostrar como se obteñen os datos científicos de campo e incorporar ideas do pensamento ecoloxista e posthumanista, cuestionando os modos hexemónicos de mirar, pensar e actuar contra o medio ambiente e as vidas non humanas. E todo iso tratando de espremer as capacidades da linguaxe audiovisual para levarnos máis aló da palabra, para convidar a asilvestrar a mirada, a resalvaxizar as nosas vidas.