
Retrospectiva Antonio Alonso
- 60 min.
Unha selección dos traballos do lugués Antonio Alonso, que inclúe algúns dos seus vídeos e os grafismos electrónicos que vén creando para Canal + desde 1990:
GRAFISMO ELECTRÓNICO (1990-95)
O DÍA DESPOIS (1989)
PAISAXE SEN FIGURAS (1990)
O MUNDO DE CARLOTA (1995)
-
Produción galega
Retrospectiva Antonio Alonso
Versión lingüística:VOFormato:VídeoEntrada gratuíta.
- Ano:1990-1995
- Países de produción: España
Comentario sobre a selección
Antonio Alonso
De ter acontecido hoxe en día, o asasinato de Kennedy quedaría rexistrado en centenares de cintas de vídeo, as tomas cos máis distintos ángulos constituirían probas irrefutables e claras do alí acontecido, pero ningunha delas alcanzaría o grao de dramatismo da borrosa imaxe rexistrada na película de 8mm. Se cadra, débese ó ritmo fluído que o grao outorga á película e que está intencional ou accidentalmente presente unha dominante de cor, pero o cine outorga ó filmado un compoñente dramático e estético do que o vídeo carece.
É por isto que nos meus vídeos rexeito o «balance de brancos». Por algún estraño motivo este dispositivo presente en tódalas cámaras de vídeo referencia tódalas cores a un branco puro inexistente no mundo real. É por iso que sempre utilizo filtros para virar e texturar as miñas produccións. Tomo de modelo ó director de fotografía
Néstor Almendros, que, malia traballar en cine, adoitaba dar un baño de té a tódalas sábanas presentes nunha escea de alcoba. Ó mellor gracias a eso gañou un Oscar (o truco xa era coñecido dos mestres holandeses do século XVII).
Se facemos caso a Kundera, que afirma que o poder consiste basicamente en «ter acceso ós laboratorios onde se retocan as fotografías e se escriben as biografías e as historias», as videocámaras domésticas serían un inestimable instrumento de reparto dese poder na sociedade democrática. En todo caso, son versátiles, cómodas e dótanos de independencia fronte ás servidumes económicas. Por iso utilizo nas miñas produccións unha Bauer-Bosch.
Interésanme as «paisaxes despois da batalla», o que queda cando as cámaras marchan tralos 15 minutos de fama que Warhol asigna a cada un de nós. Iso é o que me moveu a ir ó Monte do Gozo en O día despois para atoparme cunha paraxe desolada pero estrañamente fermosa, ou achegarme a Surribas (Chantada) e comprobar que o doloroso non era tanto a traedia xa esquecida senón a inminencia de paisaxe sen figuras que se cerne sobre as terras dos que nos precederon. Como ós fotógrafos victorianos, interésame a fraxilidade e inocencia dos nenos fronte a un mundo adulto e hostil. Así retratei a miña filla Carlota unha tarde de Inverno dun día supostamente histórico para confrontala co Presidente dos EEUU George Bush noutra paraxe cercana ó centro de Madrid hoxe xa desaparecida.
Polo que respecta ós traballos de deseño gráfico e animación, estes foron realizados practicamente na súa totalidade nunha paleta gráfica Paintbox con editor Harriet de Quantel. Trátase dun sistema integrado que é operado de forma totalmente individual. A creación no Departamento de Grafismo de Canal + realizase de forma totalmente libre, pero tendo en conta unha serie de normas de estilo como a utilización de montaxes dinámicas e cabeceiras de curta duración, o branco e o negro ou a tipografía corporativa (Futura Bold) así como de cores planas e sen degradar, a non utilización de texturas nin elementos en 3D nin efectos ou movementos superfluos ou «vos».
O control do proceso desde a creación ata a edición definitiva é, por primeira vez na industria televisiva, totalmente individual. Así como o home de Cro-Magnon elevaba o seu pincel de cerdas de animal ó teito da caverna, nós diriximos o lápiz óptico á tableta nun xesto único e irrepetible. A realidade é que estes equipos quebraron a cadea de montaxe e devólvennos a un certo tipo de artesania quizá non tan diferente da dos mestres canteiros que elevaron o Pórtico da Gloria.
Sen duda, Merlín sería feliz cos nosos xogos.