
Orfanato atroz
- webserie
Orfanato atroz é unha webserie de animación creada por Antón Varela que conta as aventuras e desventuras de varios cativos nun peculiar orfanato.
- Ano:2016
- Países de produción: España
Orfanato atroz é unha webserie de animación creada por Antón Varela que conta as aventuras e desventuras de varios cativos nun peculiar orfanato.
Sobre o autor
Papeis da Academia
Antón Varela (A Coruña, 1992) é un dos creadores novos máis orixinais e interesantes. O seu ámbito de traballo é a animación, a súa linguaxe a apropiación e o collage e a súa materia prima recortes de imaxes que atopa por aí. O resultado é Orfanato Atroz, que levou o premio á mellor webserie no Carballo Interplay e que está agora preparando a segunda temporada.
Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC, na actualidade está rematando o Mestrado en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneo da Pompeu Fabra, mentres vive con súa nai e «como non son un membro produtivo da sociedade, podo permitirme dedicar un 100% do meu tempo ao que quero facer, isto é, ler, estudar, ver pelis, escribir e facer os meus proxectos audiovisuais». Interésalle a animación porque «é o proceso creativo que máis se parece ao da escritura: é esixente e solitario mais permite funcionar sen quitar o pixama. Ese é realmente o meu ideal de traballo», confesa Antón, a quen si lle gustaría involucrarse noutros proxectos audiovisuais ademais de rematar Orfanato Atroz.
A pesar dos premios e do recoñecemento, «non se cheira no horizonte a posibilidade de monetizar o meu traballo», polo que tampouco descarta emigrar, aínda que ten asumido que o que el fai non é o máis comercial do mundo. «Gustaríame que o cinema más arriscado tivese más visibilidade e apoio, mais entendo perfectamente que no risco está a súa esencia e que lle corresponde, por ese motivo, un espazo menor», admite.
O seu espazo, por agora, e a súa fonte de recursos e de inspiración é internet. Con todo, tampouco cre que na rede se estea descubrindo a pólvora formalmente: «a avanzada, no que a linguaxe audiovisual se refire, segue a ser o cinema experimental». As súas influencias son do máis diverso («Jorge Luis Borges, Brian de Palma e Stephen Hillenburg (creador de Bob Esponja)», pero é na rede onde están os creadores coetáneos que máis lle interesan «Velaí van tres nomes moi heteroxéneos: Colin Raff (alias ZBags), un creador de gifs cuxa procedencia descoñezo pero moi activo no tumblr; Ernesto Castro, filósofo cunha importante faceta de comunicador cultural de contido inesgotable; e Lorena Iglesias coa súa webserie Pampini e a súa actividade como youtuber».
En canto financia coa venda de camisetas a nova temporada de Orfanato Atroz, podemos ver a anterior en Youtube ou seguilo en Twitter (@anton_varela), «onde informo debidamente de todas as novidades sobre a miña obra ou a cor do meu pelo».