
Lévame a idea
Teresa dos Cucos, Carmen de Tines, Felisa Segade, Beatriz Busto, Lupe Blanco, Xulia Feixóo, Branca Villares, Lola López, Isolina Rodríguez, Xiana Lastra, Isabel Vigo, Eva Fernández
- 96 min.
Un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música tradicional galega. Lévame a idea é un recoñecemento profundo e necesario ás mulleres, auténticas protagonistas na creación, recuperación e divulgación da música de tradición oral e a poesía popular galega.
Esta peza documental reivindica cunha óptica feminista o papel fundamental das mulleres na preservación da poesía, o canto e a cultura popular de Galicia, piar esencial da nosa identidade colectiva. A transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo está presente nas achegas que saen de distintos eidos vencellados ao mundo do tradicional.
A través das súas voces e vivencias, coñecemos a Teresa dos Cucos e Carmen de Tines, memoria viva do noso patrimonio inmaterial; Felisa Segade, referencia e piar das históricas Leilía; Beatriz Busto, etnomusicóloga e autora de Pandeireteiras de Mens, grupo homenaxeado nas Letras Galegas 2025; Lupe Blanco, pandeireteira e mestra das regueifas de Bergantiños; Xulia Feixóo, etnomusicóloga centrada no estudo e transmisión das músicas de tradición oral; Branca Villares, música, divulgadora cultural e mestra de canto e percusión tradicional; Lola López e Isolina Rodríguez, da Asociación O Teixeiro, impulsoras da Festa da Pandeira no Piornedo; Xiana Lastra, produtora cultural e vocalista da Banda da Loba; o grupo Lilaina, referentes da música actual de percusión tradicional; Isabel Vigo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego; e Eva Fernández, creadora da revista cultural Rebelico e divulgadora en redes sociais, entre outras.
Todas estas mulleres realizan un percorrido que abrangue desde a transmisión oral dos versos cantados ata a investigación, custodia e divulgación deste tesouro cultural nos eidos académico, artístico e comunitario. Elas fían unha historia colectiva de resistencia, creatividade e amor polas raíces. As mulleres que nos aprenderon o mundo cantando, cultura viva cun marcado carácter de pasado, presente e futuro.
-
Off Galicia
Lévame a idea
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresenta: L. Varela. Entrada de balde.
- Ano:2025
- Países de produción: España