
A la deriva
Feng liu yi dai / 风流一代
Zhao Tao, Li Zhubin, Zhou You, Mao Ching-Shun, Jianlin Pan, Lan Zhou
- 111 min.
A principios dos anos 2000, en China, Qiaoqiao e Bin viven un amor apaixonado pero fráxil, cantando, bailando e gozando de todo o que a cidade de Datong lles pode ofrecer. Mais un día Bin decide probar sorte noutra provincia máis grande e marcha sen avisar nin deixar rastro. Tempo despois, Qiaoqiao decide emprender unha viaxe para tratar de localizalo.
Unha epopea amorosa que atravesa varias décadas nun país cambiante e en constante ebulición.
Dirixida polo prestixioso Jia Zhiang-ke, supón para el unha revisión da súa propia obra e tamén unha reflexión sobre o devir do seu país no que vai de século. Filmando coa súa musa Zhao Tao e o seu habitual colaborador Li Zhubin, intercala a rodaxe deste proxecto con fragmentos e descartes de varios dos seus filmes previos, logrando resultados sorprendentemente homoxéneos na ensamblaxe de todo este material. Alén de tocar profundamente o corazón co seu halo romántico e embriagar o espírito, ofrece un retrato poliédrico e complexo da China contemporánea.
-
'Caught by the Tides', la historia de amor que recorre los cambios en la China reciente
Pepa Blanes (Cadena SER)
Tráiler
VOSE
Notas de dirección
Desde 2001 viaxei bastante a Datong e filmei a cidade coa cámara que tiña a man nese momento. Datong era famosa polas súas minas de carbón, pero cando empecei a visitala, as minas estaban a esgotarse e os prezos do carbón estaban a baixar. A economía chinesa empezaba a abrirse, e alí onde mirase espertaba unha nova vitalidade.
Gravei co meu cámara multitudes cantando. Dei voltas cos bailaríns. Seguín aos mozos a todos os seus lugares favoritos. A cámara que levaba na man desbordábase con praceres descoñecidos.
Durante os vinte anos seguintes seguín a algunhas desas mesmas persoas unha e outra vez, viaxando con elas desde as Tres Gargantas do río Iangtsé, ata Zhuhai, no extremo sur, ou o nordés e suroeste de China. A medida que eles se facían maiores, as cámaras que eu levaba tamén evolucionaban: da simple cámara dixital á Alexa e a VR.
Na sala de montaxe, adoitaba mirar as imaxes gravadas ao longo dos anos. As imaxes volvíanse distantes a medida que sentía como se esvaecía aquela época que gravei. Os bos momentos do pasado vólvense case oníricos.
Durante todo este tempo, busquei as interconexións subxacentes nesa metraxe. Non foi ata 2022, durante o confinamento pola pandemia, cando descubrín que as historias encaixaban no marco das dúas décadas transcorridas desde que empecei a filmalas. Chocoume que as imaxes non seguían un patrón lineal ou de causa e efecto. No seu lugar, había unha relación máis complexa, non moi diferente de algo parecido á física cuántica, na que a dirección da vida está influenciada e, en última instancia, determinada por factores variables que son difíciles de precisar. Deille un nome á xeración que aparece na película cando elixín o título chinés: o significado literal de Fengliu Yidai podería ser “unha xeración á deriva”, pero o termo Fengliu (literalmente, “vento e ondas”) ten unha forte connotación romántica. A cámara captou cousas que criamos esquecidas, pero son as que nos converteron no que somos hoxe.